Que veñan a aprender a Ribeira

BARBANZA

01 jul 2016 . Actualizado a las 14:34 h.

Que queren que lles diga! Non acabo de entender esa teima na que levan meses enrocándose os partidos políticos coa elección de presidente. Pódense comprender as reticencias tralas eleccións de decembro, pero as de agora xa non teñen explicación. Estou convencido de que si se produce outro paso polas furnas, o Partido Popular mellorará os resultados deste domingo. E déixense de tolerías e de continuar sorprendidos: e logo aínda acaban de darse conta de que a corrupción neste país non é só un problema político?

Non teño dúbida de que ese afán de aproveitarse dos cargos e posicións para beneficio propio é un problema de mentalidade social e a forma de atallalo pasa pola educación nas casas, nos colexios, na universidade e incluso no posto de traballo. A base temos que poñela os pais, ensinando aos nenos, por exemplo, cousas tan sinxelas e tan habituais como que poñer os paraugas ao revés para rapiñar máis caramelos que ninguén na cabalgata de Reis non está ben, porque os doces acabarán caducando no bote da casa e algún cativo puido quedar sen eles. Ou deixando de presumir diante deles do listos que fomos vendendo a carraca do coche como se fose novo a un parviño que non se decatou do engano.

Porque si, vivimos nunha sociedade na que os lerchos e túzaros están ben vistos, son os reis do mambo, e os decentes son os papaostias, persoas coas que hai que ter coidado, non vaia ser que che contaxien semellante doenza. Pero tamén os políticos teñen a oportunidade de dar leccións de honestidade, e xa dende agora mesmo, que se sabe que non hai forma de xuntar unha maioría absoluta de goberno entendible, e cando digo entendible refírome a compatible tanto ideoloxicamente como consecuente co que dixeron en campaña. Que problema hai con que goberne en minoría a lista máis votada? Non cren que é o máis sensato?

O que pasou nas eleccións xerais non é nada novo no universo democrático, de feito ocorreu algo moi parecido hai un ano en Ribeira, cando o PP de Manuel Ruiz acadou o 42% da representación plenaria, fronte ao case 40% do PP de Rajoy. E aí está Ruiz gobernando a golpe de negociación cos catro partidos da oposición e sacando adiante a maior parte das propostas, mérito que non é só do rexedor, senón de todos os grupos e concelleiros. Si me din os da alta política de este país que son incapaces de facer o que fai a corporación municipal ribeirense, o mellor é que marchen para a casa e que permitan a estes «cheíñas de provincias» reconducir o país. Pode que o que lles está a pasar aos líderes dos partidos é que nunca fixeron a política do corpo a corpo, a local, pero están a tempo de recibir clases maxistrais o último luns de cada mes.