Villar Janeiro pon un novo galón á ilustre solapa literaria de Rianxo

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIANXO / LA VOZ

BARBANZA

Recibiu emocionada na vila na que atopou o seu fogar a Letra E que conceden os escritores galegos

26 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Podía ter recibido a Letra E nos Ancares, onde naceu, en Lugo ou en Compostela, por onde transcorreu o seu camiño vital. Sen embargo, Helena Villar Janeiro decidiu que o recoñecemento á súa traxectoria como escritora tivera lugar onte en Rianxo, o concello no que atopou o seu fogar. A súa segunda matria, di a filla de xastres, quen coseu deste xeito un novo galón na ilustre solapa literaria da vila mariñeira.

Os actos comezaron no peirao de Sete Fogas, que dende onte leva o nome da escritora rianxeira con orgullo, como testemuña nun monólito conmemorativo e un loureiro que plantou Villar Janeiro coa axuda de veciños, familia e amigos (moitos deles, alistados con ela nas filas da cultura galega, coma Víctor F. Freixanes, Cesáreo Sánchez, Xesús Rábade ou Esther Carrodeguas).

«Recibo o título de escritora 44 anos despois do meu primeiro libro; é un dos días máis felices da miña vida», recoñecía visiblemente emocionada a homenaxeada, quen chegou a soltar algunha bágoa cando escoitou da man da Banda da Escola de Música de Rianxo unha peza composta expresamente para este momento polo rianxeiro Antón Alcalde. «De todas as actividades que pode facer a humanidade a que máis me gusta é a música», agradecía a nena que soñou con ser cantante de ópera, antes de fundirse en bicos e apertas cos presentes mentres estoupaban os foguetes no ceo despexado.

Homenaxe ás figuras en vida

A Xesteira saíu onte a navegar coas velas despregadas en homenaxe á escritora que regalou a primeira Letra E a Rianxo, un galardón que entrega a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) dende hai 22 anos ás figuras literarias en vida, entre as que houbo outro barbancés, Avilés de Taramancos, no que recaeu o título na súa primeira edición.

O Cuartel Vello acolleu a segunda parte do acto, que contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a quen a rianxeira lle recoñeceu que a animase a seguir compoñendo versos no seu día. O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e a tamén escritora Marica Campo puxeron en valor a prolífica obra de Villar Janeiro, así coma o seu papel a prol da dinamización cultural.

Ela, tras recibir a peza escultórica de Caxigueiro, prometeu «profundar no labor de transformar palabras e facer delas un saco que transporte mundos ficcionados», así como seguir transmitindo as verbas que aprendeu dos maiores ata que a acompañen as forzas. «Non te vaias rianxeira», cantáronlle os asistentes.