Moitos retos

Jacobo Feijoo INGENIERO DE MONTES

BARBANZA

agro galego conta coa sorte de ter na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra, un centro de referencia internacional no que se refire a detección de pragas e enfermidades que afectan aos nosos cultivos e aos nosos bosques. Nos últimos anos, o centro que dirixe Pedro Mansilla ten ido sempre por diante dos problemas. As pragas e enfermidades son o noso maior reto, agronómico e forestal, especialmente cando falamos de cultivos leñosos, como os frutais, ou o forestal, xa que son cultivos que non se renovan todos os anos, e os investimentos fanse en plantacións que teñen que vivir durante anos con suficiente saúde e vigor para producir, froitos ou madeira.

Non esquezamos que a presente globalización na que estamos inmersos, multiplica o intercambio de bens e persoas entre distintas áreas e continentes do planeta, o que aumenta o risco de transportar de xeito accidental insectos, fungos, bacterias e todo tipo de patóxenos ou materiais contaminados, que entran fundamentalmente por portos e aeroportos a pesares das medidas de control. A lista de amezas que entraron en Galicia nos últimos anos non para de medrar, plantexando novos retos: o nematodo do piñeiro, o gorgullo do eucalipto, a tinta e o cancro no castiñeiro, a variedade de tinta que está a matar os ameneiros dos nosos ríos dende hai tres anos, ou máis recentemente o picudo das palmeiras, a avespa do castiñeiro ou a velutina. A nova praga africana da pataca e, agora, a psila africana dos cítricos son problemas que viñeron de moi lonxe, pero que están aquí para quedarse.

ONo caso da psila africana, a urxencia dos tratamentos para o seu control ven dada porque pode supoñer a vía de entrada en España da peor das enfermidades dos cítricos, a bacteria que este insecto transmite, e que podería producir a ruína do sector cítrico.

É preciso por tanto que os propietarios de limoeiros, laranxos, mandarinos e outros cítricos tomemos en serio as medidas para o seu control. Pero non é menos necesario, que Medio Rural poña os medios materiais, técnicos e de asesoramento precisos, para que poidamos vencer esta ameaza. De momento estamos a tempo. Pero quen ten a responsabilidade, ten que mover ficha de xeito intelixente e áxil.