Equilibristas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

on sei se lembran o caso dun home que morreu no interior da igrexa de San Andrés de Teixido. O párroco, apremiado pola celebración da seguinte misa, non dubidou, co permiso dos familiares, en celebrala co morto dentro, iso si, arrexuntadiño nun lado para non molestar nin ser molestado. O sorprendente desa historia foi a súa dobre interpretación. Para un urbanita escandalizable a historia reafirmábao nos tópicos sobre a morte, a Santa Compaña, a queimada e, en xeral, a peculiaridade excéntrica desas simpáticas pero atrasadas xentes que viven no rural galego.

Pero para as señoras da bisbarra do Barbanza que, nas tardes dos sábados, mudan as flores da tumba do home, a noticia de Teixido non era tal, senón pura vida cotiá. A morte, á fin e ao cabo, é un suceso natural que non debera limitar a vida da xente máis alá do preciso, que hai moito que facer, veñen os netos a xantar e está a cociña por fregar. Cada vez máis, adoro a estas señoras (e señores) aos que custa moito escandalizar.

Agora vemos as fotos, ben viralizadas no Facebook, de señores e señoras maduras da comarca barbancesa camiñando polas fachadas das vivendas como Philippe Petit, o equilibrista que pasou dunha Torre Xemelga a outra por un cabo menos groso que o dunha batea. Son fan destes spidermen do Inserso que te miran raro se lles advirtes dos riscos de pasear polos voladizos. «Prefires que me critiquen por ter as fiestras sucias?», dinche eles todos cheos de razón. 

Que viva esta xente para a cal a vertixe fica tan lonxe coma o escándalo.