«Volvín porque aquí son feliz, o malo é que logo veu Hacienda»

BARBANZA

É un dos pensionistas que cada mes acode a Ribeira para protestar polo trato fiscal que reciben

02 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Santórum Vidal, veciño de Boiro, é un deses homes que despois de toda unha vida de traballo lonxe da súa terra decidiu volver para gozar da súa xubilación no municipio no que naceu e no que se criou. O que prometía ser unha etapa feliz na volta á casa viuse truncada polas reclamacións de Hacienda por non ter declarado pola pensión que recibe de Alemaña e o tempo do descanso converteuse de súpeto nunha loita nas rúas para reclamar xustiza.

-¿Cal é a súa historia? ¿É dos emigrantes retornados que tiveron que aboar grandes sumas de diñeiro en multas?

-Eu por sorte ou polo que sexa non cheguei a recibir ningunha multa, parouse todo antes de que me tocara a min. Pero tiven que declarar e pagar polas pensións de cinco anos para atrás, logo soubemos que polo convenio entre España e Alemaña só debería ter que declarar un.

-¿Devolvéronlle algo?

-Non. Pero polo menos conseguimos que a compañeiros que tiveron que pagar trinta ou corenta mil euros lles devolveran as multas. Agora loitamos porque queremos xustiza, non nos negamos a declarar, pero deberían tratarnos igual que a os xubilados que nunca saíron de España. Eu falei con varios avogados alemáns e din que eles non poden meterse nas leis españolas, pero din que é unha inxustiza.

-¿Cando volveu a España?

-Haberá xa sete ou oito anos e deixei dous fillos en Alemaña. Volvín porque eu aquí son feliz, o malo é que logo veu Hacienda... Toda a vida estiven fóra de España por mala sorte, tiven que marchar a outros lugares, aprender outros idiomas e costumes e a min paréceme mal ter que falar mal do meu país agora. Non falo mal del, falo mal destes gobernos. Eu vin morrer emigrados, pasalo moi mal, podería contar mil historias da emigración. E o señor Montoro non ten a ben nin sentarse a falar con nós.

-O ministro Montoro é o principal branco das súas protestas.

-Eu xa estou completamente desenganado da política, son todos iguais. E dos sindicatos tamén, ninguén mira por nós. Estou triste e desenganado. E os medios de comunicación tiñan que facer algo pola xustiza, porque isto é unha inxustiza. Eu non me nego a declarar, pero non deberiamos pagar nada se non chegamos aos 22.000 euros, coma os pensionistas que só cobran de España. Por iso estamos loitando.

-¿Cre que estaría mellor en Alemaña?

-Quérolle moito ao meu país, pero en Alemaña o Estado xa di as obrigas que ten cada un. Aquí non che din nada, vas a Hacienda e ninguén sabe nada. Se o chego a saber non volvía. Non podo falar mal de Alemaña. Alá incluso che dan unha axuda se non che chega a pensión e tes a unha persoa maior na casa como temos nós. Vou para 75 anos e pasei a vida percorrendo medio mundo e mandando cartos para España cando podía ter invertido noutros países. Aos emigrantes deberían levantarnos un monumento polos millóns e millóns de divisas que mandamos para aquí. España foi salvada polos emigrantes da ruína total tres ou catro veces, non hai familia que non teña emigrantes na súa familia e nunca vimos compensado nada diso, máis ben ao contrario.

-¿Cre que alguén lles pode axudar a resolver o conflito que manteñen con Hacienda?

-Ninguén se preocupa por nós. Alemaña non se pode meter porque este é un problema interno do Estado español. Outra cousa será cando o asunto chegue ao Parlamento Europeo, aí si terán algo que dicir os outros países.