Esperanza II

José Rodríguez Cabeza DESDE FORA

BARBANZA

26 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo semella que o meu consello de que os bos socialistas pobrenses explicasen en Ferraz o que supoñen as políticas de mala praxe ou non chegou a destino ou non lle fixeron caso. Tamén lle poderían ter dito que un dos motivos, entre outros, polos que o socialismo é testemuñal na vila de Valle-Inclán, está naquel home malo que, do mesmo xeito que Pedro Sánchez, non tiña outra aspiración que pacer no presuposto. Pero como xa dixo hai máis de dous mil anos Marco Tulio Cicerón, quen esquece a súa historia, está condenado a repetila.

Eu tamén viña opinando nesta ventá que a meirande parte das políticas de Rajoy, afastadas do programa electoral do PP de 2011, eran equivocadas e tamén me provocaron indignación, baseada no eido da débeda pública, que pasou do 69.50% que deixara ZP ao 99.82% en novembro de 2015, situándose o déficit de España no posto 168 de 183 países. ¿E que?, dirán algúns. Moi sinxelo, que non se acadará unha boa asistencia sanitaria no hospital da Barbanza nin tampouco unha boa atención primaria no centro de saúde da Pobra, onde estiven a piques de perder a vista dun ollo. ¿Parécelles pouco?

Con estas calendas gregas, tampouco se arranxará o fracaso do ensino público nin haberá cartos para a discapacidade e a dependencia. Incrementaranse os nefastos subsidios para os que non saben ou non queren traballar. Agora ben, nesta bisbarra sempre nos queda a esperanza de que o novo delegado para coordinar os grupos institucionais en Galicia, Javier Chouza, leve as nosas inquedanzas, vertidas e por verter neste xornal, ao grupo parlamentario do partido da cidadanía no Congreso.