Homenaxe

Cristina Justo Suárez

BARBANZA

O mestre viu saír pola porta a todos os cativos e cativas. Recolleron os estoxos e as mochilas, cargados e ruidosos, apresurados por acabar a xornada e esquecérense das rutinas ata o día seguinte. Mañá máis e mellor. O último pechou a porta en sintonía co asubío agudo do timbre. Hora de marchar. Para el tamén era hora de marchar. Recolleu o seu estoxo e a carteira, livián e silencioso, acabando a xornada de vagar, sabendo que debía esquecerse desa rutina ao día seguinte, e ao outro, e ao outro?

Meteu dentro da carteira, un por un, todos os recordos. As risas, as choras, as preocupacións, as enormes alegrías. Eran tantas e de tantos, que desbordaban cada un dos petos e dos recunchos nos que os gardaba dobrados con mimo. Meteu tamén os soños que escoitou e aos que deu pulo (eran tamén tantos e de tantos!). Os soños de carpinteiros, de médicos, de mestres, de mariñeiros, de poetas pequeniños que ao seu carón medraron e emprenderon un camiño na vida que os levou a cumprilos, ou non.

Coa carteira ateigada, só quedaba seguir gardando no corazón. Alá foron os poemas, as historias, os contos que contou e os que lle contaron. As palabras salvadoras, acolledoras, máxicas. Esas palabras que ensinou a pronunciar, non coa boca, senón coa alma. E todas elas quedaron recollidas no seu peito, abrigándolle o corazón.

Pechou a carteira cos seus petos e recunchos. Pechou esa caixa do seu corazón para que non lle marchase ningunha das palabras que nel aniñaron, e marchou cara á porta. Unha última ollada en silencio a aquela morea máxica de cadeiras, mesas, debuxos e espazos, agora baleiros, que mañá se volverían encher. E, por fin, pechou tras de si, cargado agora de lembranzas.

O mestre marchou deixando o colexio atrás cun sorriso nos beizos. As despedidas sempre son inicios de novas xeiras, e esta non ía ser menos. Na súa cabeza bulían, coma sempre o fixeron, ideas e proxectos cos que seguir medrando cada día, e cos que axudar a medrar aos demais. Así foi sempre, así seguirá a ser. O colexio seguirá aí e el volverá. Da man dun pequeniño ao que cada día enche o corazón de novas palabras.

Grazas Manuel Mariño del Río por enchernos a boca de palabras e o corazón de soños.

Cristina Justo Suárez

é licenciada en Socioloxía, experta en Estatística Aplicada e en Xénero e Igualdade