Modelo pouco rendible

Carlos F. Coto

BARBANZA

modelo turístico do arrendamento estival de vivendas será regulado de inmediato pola Xunta de Galicia tralas sucesivas protestas formuladas polos hostaleiros, que ven nel unha competencia desleal. Centos de persoas obteñen beneficios turísticos sen pagar impostos. Pola contra, os establecementos hoteleiros son constantemente vixiados pola Axencia Tributaria.

Pero tamén constitúe un modelo insolidario para o resto da sociedade, as vivendas baleiras para o verán supoñen un esforzo para as arcas municipais: dispor de infraestruturas desproporcionadas á poboación da localidade que xeran gastos apenas imperceptibles para o cidadán, pero que incrementan os desembolsos comúns.

Hai unha correlación entre a débeda municipal e o número de vivendas de veraneo que pasa inadvertida pero que investigando salta á vista. Calquera concello que queira manter un parque de vivendas baleiras superior ao vinte por cento vese obrigado a endebedarse ou a subir os impostos municipais.

Tampouco é rendible para a hostalería, xa que os turistas do ladrillo apenas participan da vida cidadá, cociñan nas propias vivendas con produtos que compran nos supermercados -foráneos case todos- e apenas deixan cartos nos negocios locais. A súa vida transcorre da vivenda á praia e da praia á vivenda.

No entanto, o turismo profesional é moito máis beneficioso para a nosa xente, a construción de hoteis e casas rurais respectuosas coa paisaxe tamén xera impostos urbanísticos, pero crea postos de traballo, e os hóspedes van xantar aos restaurantes e consumen fóra do estabelecemento.

As casas de turismo rural fixan poboación no territorio, fomentan o autoemprego e dan traballo aos veciños. Os hoteis precisan de máis persoal, tanto de atención directa como de apoio, podendo ser utilizados durante todo o ano por excursións, por comerciais das empresas ou para facer simposios, agora tan de moda.

A creación de bloques de pisos para o verán está creando tamén un problema de xentrificación: desprazamento de familias a outros lugares, de máxima actualidade en cidades como Barcelona.