A travesía más emblemática de Cabo

BARBANZA

O público cantou durante o acto varios temas mariñeiros.
O público cantou durante o acto varios temas mariñeiros.

Mariñeiros que traballaron en Terranova e o artista Xurxo Souto foron as estrelas dun sentido acto, preludio da gran cita que terá lugar do 9 ao 12 de xullo

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Galicia non é o fin da terra, é o centro do mar», afirmou o intérprete e escritor Xurxo Souto en Cabo de Cruz, onde foi a estrela, conxuntamente con catro mariñeiros que teñen impresos na pel anos de duro traballo en Terranova, a primeira das catro xornadas que se levarán a cabo como preludio do Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se celebrará na localidade entre o 9 e o 12 de xullo.

Foi un emotivo acto con música de bucina e cancións oceánicas de veteranos homes de mar recuperadas por Souto e interpretadas polos asistentes. Nunha localidade labrada entre ondas, Xurxo Souto reivindicou o cosmopolitismo galego, feito de arriscadas travesías e de descubrimentos de caladoiros plasmados en mapas nos que os máis afastados recunchos do planeta escríbense no idioma de Rosalía. Lugares inhóspitos nos que sempre haberá un bar ou un restaurante no que se fale a lingua nai. «Non somos a periferia de nada», sentenciou Xurxo Souto. Ao seu carón, José Muñiz, coñecido polo alcume de Xe e os irmáns Jesús e José Fontaíña e Luis Vázquez, testemuñas da inmensidade dese universo galego espallado polos mares do mundo.

As vivencias

Estes homes, veciños de O Castro, relataron as súas vivencias. Algún deles tamén se referiu as súas mulleres, que agardaban en terra facendo de nais e de pais, e á dura estampa da partida, vendo como unha estela branca poñía millas de por medio cos seres queridos.

Ao redor destas historias, Xurxo Souto elaborou un relato que atrapou ao auditorio. Ao mesmo tempo, proxectou un documental Cabo-Terranova: unha ollada dende o Argus, no que se afondaba sobre as duras condicións da pesca en Terranova.

Este primeiro acto supuxo o lanzamento en Cabo de Cruz dun Encontro de Embarcacións chamado a ser o máis internacional de todos os celebrados ata o momento. A súa realización foi posible grazas á mancomunidade de municipios de Arousa Norte e supón a resultado das mesas de traballo sectoriais dirixidas pola entidade supramunicipal en colaboración con técnicos dos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo.

Antes de que Xurxo Souto e os veteranos mariñeiros de Cabo de Cruz trazasen para os asistentes o rumbo das súas vivencias, o responsable da Federación Galega da Cultura Marítima, Manuel Sendón; o presidente do comité organizador, Gerardo Triñanes; e a concelleira de Cultura, Elena Teixeira, tomaron a palabra para falar da cita do vindeiro mes.

Sendón apelou á participación dos veciños e indicou que os voluntarios son moi necesarios para o desenvolvemento do Encontro. Pola súa banda, Gerardo Triñanes insistiu no valor do patrimonio marítimo.

A concelleira Elena Teixeira incidiu nos aspectos culturais, económicos e turísticos da celebración. Comentou que, de media, segundo os datos de Encontros de Embarcacións Tradicionais anteriores, unhas vinte mil persoas acoden aos lugares nos que se realizan. Por este motivo, precisou que se trata dun gran acontecemento.

Ao remate tivo lugar un baile no centro social.

Posta en escena teatral na Pobra

A vindeira cita que servirá como prólogo á celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Cabo de Cruz terá lugar o vindeiro sábado na localidade pobrense e consistirá nunca posta en escena teatral. Cada un dos concellos que integran o territorio de Arousa norte acollerá un acto, que servirá para difundir a celebración e, ao mesmo tempo, para afondar no traballo da mancomunidade.

Será a compañía Teatro Gazafellos a encargada de poñer en escena a peza titulada Aquario. O espectáculo terá lugar ás 13.00 horas no Cantón da Leña.

A seguinte actividade levarase a cabo en Rianxo, será o día 20 no Museo do Mar. Nesta ocasión haberá unha mesa redonda sobre a etnografía do mar. O ciclo pecharase en Ribeira cunhas xornadas de animación infantís ao redor do xigante azul. Prolongaranse durante todo o día.

A programación destes actos corresponde a Arousa Norte.