«Se non existise a miña neta, este libro non vería a luz»

BARBANZA

O veciño de Palmeira está agora traballando nunha obra sobre a súa estancia en Haití.
O veciño de Palmeira está agora traballando nunha obra sobre a súa estancia en Haití. MARCOS CREO< / span>

Despois de ter publicado oito volumes, o autor ribeirense lánzase á literatura infantil cun libro de seis relatos

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Historias de Issia é o título do novo libro de José Vicente Domínguez. Trátase do primeiro volume do escritor ribeirense dirixido ao público infantil, pero é a novena obra que entra na libraría particular que o autor ten na súa casa de Palmeira. Hoxe, ás 17.00 horas, presentarao no colexio da localidade.

-¿Que o levou a escribir este libro dirixido aos nenos?

-A miña neta foi a que motivou que me decidira por escribir este libro. Penso que se non existise a miña neta, este libro non vería a luz.

-¿Significa iso que lle resultou complicado?

-Si, foi coma o que se tirou dunha nave desde o espazo. Subir é doado, pero baixar de novo ao hemisferio dos adultos é complicado. Deille varias voltas e incluso lle lin o borrador a tres nenos e, como vin que non se enganchaban, tiven que ir simplificando as historias. Neste proceso tamén percibín que aos nenos lle gustan máis os contos en castelán, polo que decidín escribir tres nesta lingua e outros tantos en galego.

-¿Cal é o segredo para escribir un libro infantil? ¿Esa simplicidade da que fala?

-Si, o vocabulario ten que ser moi primario, aínda que sen caer no ridículo. Non se poden empregar palabras rebuscadas e hai que ir meténdose na pel dos nenos. Tamén hai que enganchalos con un toque de drama, pois a esas idades, fanse moitas preguntas sobre as enfermidades ou a morte. Todos os contos deste libro teñen unha moralexa para que, ao mesmo tempo que len, os nenos aprendan cal é o comportamento correcto.

-¿Quedou satisfeito co resultado como para repetir experiencia?

-Estou xa con outros proxectos, pero o certo é que agora non me sinto motivado. Penso que agora mesmo non sería capaz de repetir, xa que resultaría reiterativo.

-¿En que proxectos está entón involucrado?

-Estou cun libro sobre a miña vida en Haití, onde estiven vivindo un par de anos. Tamén estou coa tradución ao inglés de Veroto el romano. Non descarto volver a escribir no futuro para o público infantil, pero agora non.

-Fala con certa preocupación de que aos nenos non lle gustan os contos en galego, ¿é así?

-Si, é un feito que vexo. Conteilles un conto a tres nenos e, na versión en galego, miraban para outro lado, non se metían na pel dos personaxes como cando a narración era en castelán. É curioso e dáme mágoa. Había que motivalos de outro xeito porque, se se perde o galego na infancia, serán castelanfalantes toda a vida.

-¿É difícil publicar un libro na actualidade?

-Penso que menos que antes, de feito, hai moita máis xente que escribe. Cos libros electrónicos hai moitas facilidades para publicar. Pódese sacar unha edición máis ou menos digna desde 1.500 euros. No meu caso, para este libro infantil recorrín a unha pequena editorial familiar, Dombros, pois é unha tirada pequena, de 500 exemplares.

-¿Calquera pode entón publicar?

-Si, o difícil é vivir disto. Eu non me queixo, vendo bastante e, polo menos, cubro custes.