«Preséntome para defender o proxecto do PP, non para depender de pactos»

BARBANZA

O alcaldable ten boas sensacións con respecto ao resultado dos comicios

01 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Partido Popular vén de encher novamente o coliseo Noela no acto oficial de presentación da candidatura que lidera Santiago Freire (Santiago de Compostela, 1967), un feito que, xunto coa mensaxe que asegura que lle transmiten os veciños pola rúa, leva ao candidato a ser «moderadamente optimista» sobre os resultados da cita coas urnas do vindeiro 24 de maio. A prudencia que envolve todo o seu discurso non impide que aflore a confianza dun home cunha ampla experiencia e seguro do proxecto que defende ante os noieses.

-¿Como foi a presentación da candidatura no Noela?

-Houbo unha gran afluencia, creo que imos na boa liña, hai unha expectativa razoable...

-¿As boas expectativas veñen dadas por algunha enquisa ou é o que percibe na xente?

-Da enquisa temos algunha referencia pero fundamentalmente é pola receptividade e acollida que estamos tendo na rúa, a xente está ilusionada, participativa... Eu, que teño experiencia en convocatorias electorais, teño unha sensación favorable.

-Precisamente, esa experiencia como alcalde de Lousame é algo que critican de vostede.

-Vivín en Noia 35 anos e coñezo perfectamente a súa realidade social e as demandas do pobo. Esa experiencia previa en Lousame, porque, ao fin e ao cabo o funcionamento de todos os concellos é similar, e ocupar un escano no Parlamento de Galicia e na Deputación danme unha visión, un coñecemento e unha serie de contactos que facilitan o traballo. Creo que estou hoxe máis preparado que no 2003, cando me presentei por primeira vez en Lousame, ou que no 2011. E ademais a miña traxectoria vital, persoal e profesional está moi vinculada a Noia.

-Tamén hai quen di que é un primeiro paso cara a fusión de ámbolos dous concellos.

-Estudouse no seu momento e houbo conversas, e é unha posibilidade que ten determinados aspectos positivos que en todo caso habería consultar previamente cos veciños. Pero neste momento non hai ningunha consigna por parte do partido neste sentido nin eu teño ningún interese persoal. Ademais nunca tomaría unha decisión que prexudicara aos veciños de Lousame.

-¿Cre que a súa xestión en Lousame pode verse enturbada polo desfalco do tesoureiro e que iso pode afectar aos resultados das próximas eleccións?

-En Lousame conseguíronse determinados servizos, como pode ser o centro de día ou o punto de atención á infancia, que non teñen moitas vilas, e nese sentido fíxose unha boa xestión que a nivel político se veu recoñecida co apoio veciñal nas eleccións. Independentemente de que se queira desprestixiar co tema do tesoureiro, un asunto no que está perfectamente delimitado de quen son as responsabilidades.

-Concorren cinco listas aos comicios de maio, ¿favoréceos un panorama político tan aberto?

-Teoricamente, que haxa máis candidaturas pode producir unha maior dispersión do voto e entendo que a nós nos favorece. O que ten moi interiorizado a xente de Noia é que imos ser a lista máis votada, a única dúbida que flota no ambiente é se seremos capaces de lograr a maioría absoluta. A xente xa tivo a experiencia do tripartito, xa ven o resultado que deu, así que teñen dúas alternativas: un goberno do PP ou un tripartito ou cuadripartito. Quen teña a sensación de que as cousas se poden facer doutro xeito debe apostar polo Partido Popular.

-Hai outra posibilidade se non logran a maioría, que vostedes pacten co NOIA, ¿estaría disposto?

-Se a xente de Noia quere que goberne Santiago Freire ten que votar ao PP, e se quere outro alcalde ou alcaldesa ten outras opcións. Do que estou seguro é de que non serei alcalde se teño que aceptar determinadas condicións e esixencias ou incorporar ao goberno a algún membro da candidatura do NOIA. Preséntome para defender o proxecto do PP, non para depender de pactos nin das condicións de ninguén. E teño claro tamén que o único obxectivo é que nós non teñamos a maioría absoluta. Nesas circunstancias, Noia tería que pasar outros catro anos máis na situación que xa coñecen.

-¿Cal é esa situación?

-A xestión realizada nestes catro anos de mandato é manifestamente mellorable. Non se resolveu ningunha das grandes eivas e demanda de Noia. Con en todo, hai cousas que son aproveitables e incluso potenciables, en canto a actividades culturais e algunha iniciativa concreta, pero no que ten que ver con investimentos e infraestruturas non se fixo a xestión necesaria.

-¿Teñen razón os novos movementos cidadáns que están xurdindo reclamando unha participación cidadá na política que agora non existe?

-Queda moi ben de cara á galería dicir que se vai favorecer a participación, pero para poder avanzar e poder adoptar determinados acordos son necesarias outras fórmulas. Están ben que se pida opinión, pero ao final fai falta alguén que concentre esas ideas e as materialice. Creo que non é certo que non haxa esa posibilidade de participación, e menos na política local, onde hai un contacto directo e existen mecanismos, como as intervencións nos plenos, que ofrecen a posibilidade de facer chegar demandas aos concellos. Non existe un distanciamento tal entre os políticos e a cidadanía.

Santiago Freire Abeijón Candidato do Partido Popular á alcaldía de Noia

«No noso programa hai unha prioridade absoluta, que é a rexeneración da ría de Noia»

O acto celebrado na noite do mércores no coliseo Noela serviu, ademais de para dar a coñecer a todos os membros da candidatura, para que o Partido Popular dese algunhas pistas sobre as cuestións que marcarán a súa acción de goberno no caso de que logren a alcaldía tralas votacións de maio. Entre todos os asuntos que figuran na axenda, sobresae por riba de todos a ría.

-Na presentación no Noela falaba de que presentan un proxecto para ilusionar, ¿é fácil conseguir iso co clima de desencanto coa política que se respira na actualidade?

-O que ten que quedar claro é que o noso programa non vai levar cincuenta mil compromisos, hai unha prioridade absoluta que é a rexeneración da ría, o que pide Noia a gritos é que se actúe no estuario dunha vez por todas. Nós levamos moitos meses traballando nisto, hai un proxecto, está definido un programa de financiamento... É unha actuación que podería iniciarse a curto prazo e que ten un orzamento que é perfectamente asumible, é algo tanxible. Estamos convencidos de que podemos levar este proxecto a cabo, do contrario non nos atreveriamos a propoñelo.

-O da ría é un compromiso que soa a repetido en cada convocatoria electoral.

-É que neste mandato os demais grupos políticos despreocupáronse deste tema, non fixeron ningunha proposta concreta neste sentido, non houbo ningunha xestión, ningunha reunión con Portos ou con Costas, non tramitaron ningunha autorización... No 2011 limitáronse a meter as palas na ría e logo desentendéronse totalmente do asunto. De ter un verdadeiro interese en executar un proxecto para a ría teríase feito algo nestes anos.

-Di que hai marxe de mellora de para Noia, ¿por onde teñen que ir os tiros?

-Noia depende fundamentalmente do comercio e a hostalería, e é preciso impulsalos potenciando o casco histórico e a proximidade de Noia con Santiago. O turismo, a hostalería e o comercio son os principais sectores económicos, son a nosa industria, e hai que poñelos en valor, e o primeiro é acertar coas propostas para resolver o problema do aparcamento de proximidade, porque se foron suprimindo prazas no entorno da zona antiga e non hai alternativas, e o que ocorre é que a xente marcha a outras zonas.