Outeando o horizonte e a toda vela

La Voz

BARBANZA

Preocupado pola historia dendea adolescencia, empezou a tomar as primeiras notas e visitar arquivos nos anos setenta

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pepe Castrelo é coma un mascarón de proa, outeando o horizonte,  pero sen perder a perspectiva do que deixa por popa, gravando no seu maxín cada obxecto e cada palabra. Senta sen présas e é quen de falar de cando nos seus anos adolescentes xogaba ao baloncesto en campos terreos e cun balón de fútbol, ou canto custaron as festas parroquiais dalgún ano do século XVIII; de cando formou con outros amigos a OLP (Organización para a Liberación de Palmeira), ou da historia da igrexa parroquial. Pepe ten o don da palabra clara, e fala de Palmeira con paixón, pero sen caer no chauvinismo.

Escribe con calma porque na súa opinión o traballo de investigación necesita repouso, meditación e contrastar os datos.

Asegúranos que a súa preocupación pola historia arranca da adolescencia cando paraba a escoitar as vivencias dos seus antepasados e a facerse preguntas sobre aquilo que lle contaban; e foi a finais da década dos setenta cando empezou a tomar as primeiras notas, a visitar arquivos e a comparar o que oía co que estaba vivindo, ata que nace o que el chama o seu pecado de xuventude: Síntese histórica de Palmeira, 1600-1850, que publica en 1983. 

Logo deste primeiro libro foron moitos os artigos que escribiu en distintos medios, e sempre (ou case sempre) sobre Palmeira, sobre o nacemento dunha aldea, ou cando se abriu o camiño de Insuela, sempre sen deixar de visitar os arquivos para ir facendo o que podemos asegurar que foi a súa grande obra ata agora: Nacer, crecer, vivir e morrer en Palmeira (1500-2000). A xenealoxía dun pobo, un libro de xenealoxías que veñen sendo como elos da cadea vital e xeracional que nos toca, nun momento en que, moitas veces, perdemos a memoria de parentesco.  E non é só por isto de amosarnos de quen vimos sendo polo que Pepe sexa tal vez a persoa máis popular de Palmeira, senón porque non perde a oportunidade de traer ao presente o pasado como lección da que aprender. Os seus traballos veñen a conformar o retablo do noso ser, feitos coa paixón dun namorado, ata nos máis pequenos detalles, pero tamén coa frialdade do técnico que analiza os datos.