«A poesía é moito máis que escribir, é un modo de vida»

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

En outono presentou o seu libro titulado «A distancia do tambor» e son moitos os proxectos que ten entre mans

24 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o que toca Eva Veiga convértese en poesía. Fai maxia xuntando palabras, un don co que naceu e que deu a coñecer ao mundo cando apenas levantaba uns cantos palmos do chan. Asegura que con catro anos xa quería ser poeta e que para ela esta paixón é moito máis que crear versos fermosos. As instalacións do museo de Artes foron o escenario no que presentou hai pouco o seu libro A distancia do tambor, un traballo que non deixa indiferente ao lector.

-¿Por que escolleu este título?

-Non sempre elixes ti os títulos, ás veces son eles os que te escollen. É así como se chama o poema central no que hai resonancias do que supón escribir co corazón, trátase de achegarse ao ritmo interior. A obra está alentada polas mulleres desprazadas, por todas aquelas que teñen que fuxir polos camiños da vida ao ser expulsadas do seu pobo. En certo modo, o libro inspírase nelas.

-¿Que outros asuntos latexan no libro?

-O espazo, de xeito conceptual. Penso que a distancia máis difícil de superar non é a espacial, senón a temporal.

-¿Cando comezou a escribir?

-Cando só tiña catro anos dixen na casa que de maior quería ser poeta. Para min a poesía é moito máis que escribir, é un modo de vida, de estar neste mundo. Escribín dende moi nova, pero tardei tempo en publicar. Deixei a televisión e decidín dedicarme á poesía en corpo e alma.

-¿Axudoulle a poesía a superar a grave enfermidade que sufriu?

-Foi a experiencia máis difícil da miña vida e á que dediquei anos de loita. Foi bestial pero afortunadamente sigo viva. A poesía axúdame sempre e, por suposto, tamén nesta dura situación.

-A portada de «A distancia do tambor» é unha obra de Alfonso Costa, formaron neste traballo unha parella artística...

-Si, trátase dunha portada moi potente na que Alfonso soubo intuír á perfección o que había no libro. Todos os poemas teñen que ter misterio e na portada este tamén se reflicte.

-¿Onde atopa a inspiración?

-Na vida mesa. A poesía esixe vivir intensamente e mergullarse no día a día, aínda que tamén hai que distanciarse ás veces para poder contemplala.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?

-Tamén con Alfonso Costa estou a traballar nun proxecto de imaxe gráfica e poesía sobre o traballo de Saramago en Lanzarote. Ademais, xunto ao artista Jesús Aladrén, estou preparando un proxecto moi especial no que se interesou o Concello de Noia.

-¿Cal é a súa opinión sobre a cultura barbancesa?

-Penso que hai poucos lugares onde haxa creadores tan interesantes. A canteira é impresionante.

-¿Que supuxo para vostede recoller un Sereo?

-Aínda hoxe síntome moi agradecida e emocionada.

eva veiga poeta