A última esperanza

Mario Maceiras

BARBANZA

16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Omonte Pindo é un macizo granítico de 350 millóns de anos que tradicionalmente foi un símbolo de Galicia, coroando 627 metros de altitude a menos de 2 quilómetros do Atlántico: o cantil máis alto do país. A súa importancia xeolóxica, paisaxística, ecolóxica e histórica sumada ao seu estado de total abandono levaron a que, en 2010, a veciñanza de Carnota iniciara un movemento para reclamar da Xunta que o convertera no primeiro Parque Natural da Costa da Morte. 

Os seus valores xustifícano. A súa importancia xeolóxica viuse reflectida en varios estudos internacionais. Catalogamos un total de 650 especies naturais das que 150 contan con algunha protección, coma o lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial, ou o carballo anano, que ten no monte Pindo a súa única poboación galega. A arqueoloxía demostra unha ocupación case continuada desde o Paleolítico ata o século XX, sendo un dos poucos sitios onde isto acontece.

Carnota é o segundo concello galego con máis superficie protexida. Ser quen de conservar case intacto un conxunto tan único coma o que conforman canón e fervenza do Xallas, monte Pindo, marismas de Caldebarcos e a maior praia do país en Carnota, merece contrapartidas que lle sirvan para desenvolverse social e economicamente. O parque natural é a única figura que inclúe ao pobo na toma de decisións, supón crear un órgano de dirección do espazo, e compromete un investimento anual mínimo; sen embargo non suporá restricións engadidas para a veciñanza.

Para a xente serán todo vantaxes, e o espazo natural verá finalmente superada a falta de atención que provocou a súa destrución case total no 2013. A petición medrou exponencialmente nestes catro anos. Hoxe é un auténtico clamor que crea un novo panorama de esperanza; e a Xunta non pode seguir pechando os ollos ao que toda Galicia reclama.