O artista saído dunha «choqueirada»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

A recuperación do entroido de Caldebarcos prendeu nel a chama da interpretación

27 oct 2014 . Actualizado a las 12:37 h.

Uns din que os artistas nacen e outros, que se fan. Este último é o caso de César Cambeiro, que non dubida en recoñecer que os primeiros contactos que tivo co mundo da interpretación foron incluso negativos: «Cando estaba estudando no instituto de Cee e vía as obras de teatro pensaba que aquilo non ía comigo. Eu non me sentía identificado con aquel mundo». Algo que aconteceu no seu Caldebarcos natal cambiaría neste caso o curso da historia. O pano abriuse para el cun proxecto de recuperación do entroido ideado polos vellos do lugar coincidindo cos primeiros anos da década dos setenta: «A un grupo de veciños déuselles por facer unha entroidada ao estilo tradicional e, case sen querelo, mergulleime na iniciativa. Foi un bombazo».

Caracterizado de curandeiro viúvo, César Cambeiro experimentaba por vez primeira unha sensación positiva partindo do teatro, pero nin sequera foi suficiente para que puidera imaxinar un futuro enriba das táboas. Pasarían aínda varios anos ata que o veciño de Carnota se tomara en serio a interpretación: «Dinme conta de que aquilo do teatro significaba algo máis sendo universitario na Coruña. Alí sumeime a unha pequena compañía e comprendín que actuar era unha forma de vida».

Entre o mar e os escenarios

A chama que prendera naquela choqueirada alumeaba xa con forza dentro de César Cambeiro: «Aínda que non pensaba en dedicarme profesionalmente ao teatro, xa tiven claro que nunca o abandonaría». El procedía dun pobo mariñeiro e labrego, polo que tiña unhas perspectivas de futuro ben distintas. De feito, rematou os estudos de Náutica e enrolouse na Mariña Mercante. Iso si, entre marea e marea, escribía obras que montaba cos grupos de teatro e de monicreques que fundou en Caldebarcos: «Así conseguía matar o bicho interpretativo».

Pero, por aquel entón, o corpo xa lle pedía máis e, claro está, tivo que darllo: «Nunhas vacacións, coincidindo co nacemento da miña primeira filla, pedín un ano de excedencia e aproveitei para asistir a uns cursos de dobraxe e interpretación». Cambeiro nunca volvería xa a embarcar.

Salto ao audiovisual

Como non nacera actor, seguiu formándose, primeiro para percorrer os escenarios de Galicia da man de compañías como Teatro do Atlántico, o Centro Dramático Galego, Lagarta Lagarta e, na actualidade, Galileo, grupo co que dentro dunha semana estreará Cirano. E, despois, para dar o salto ao eido audiovisual: «Eu son dos que cren que para traballar na televisión hai que aprender, por iso fixen un curso de interpretación diante da cámara».

Na pequena pantalla, o seu despegue chegou da man de Un mundo de historias, unha produción que a TVG emitiu no ano 2000, pero Terra de Miranda deixou, tanto nel como nos espectadores, a pegada máis fonda. Cambeiro compaxinou as táboas e a televisión con incursións no sétimo arte, en títulos tan destacados como Mar adentro ou Los lunes al sol.

O carnotán compaxina estes tres eidos na actualidade, no que segundo el é o momento máis difícil para os actores: «Non sei o rumbo que vai coller isto, pero agora mesmo pásanse bastante duras para vivir do teatro. Eu véxoo imposible. A nivel audiovisual a situación é similar, pois tampouco hai moitas producións que digamos».

césar cambeiro quintela actor