¡Puerto del Son existe!

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O topónimo castelanizado do municipio sonense aínda se utiliza en algunhas comunicacións que chegan ao Concello

20 oct 2014 . Actualizado a las 07:26 h.

Hai máis de trinta anos que entrou en vigor a lei que establece que os topónimos «terán como única forma oficial a galega» e, sen embargo, hai lugares nos que parece que aínda custa asimilar isto e un pode atoparse tranquilamente con sinais de tráfico que indiquen o camiño para chegar a Puerto del Son. Nin máis nin menos. A construción, ademais non ter nin pés nin cabeza, doe á vista e ao oído, pero aínda así hai quen a segue a utilizar. Sen ir máis lonxe, ao Concello teñen chegado escritos coa forma incorrecta do topónimo.

Se un dá unha volta por Internet, verá que iso de Puerto del Son está bastante estendido, e é fácil encontrar este nome para o municipio sonense tanto na Wikipedia como en páxinas web sobre viaxes ou portais de previsións meteorolóxicas moi consultadas, por exemplo, por surfeiros, un colectivo que ten nas praias sonenses un dos seus destinos favoritos.

Tamén na Administración

Aínda que isto sexa así, o que máis chama a atención do asunto non é que pase iso na Rede de redes, onde tamén é sinxelo darse de fociños cun Noya para falar da vila de Avilés de Taramancos; o que de verdade fai que a un se lle poñan os ollos coma pratos é que sexa a propia Administración a que se dirixa ao Concello como Ayuntamiento de Puerto del Son en algunhas das súas notificacións oficiais. Esta situación púxoa de relevo o BNG no último pleno, no que aproveitou para pedir «por favor» que o goberno local lle pida á Xunta un pouco máis de coidado con cuestións deste tipo.

Por fortuna para o idioma galego, no que respecta á comarca parece que o de Porto do Son é un caso illado, e a outros concellos con nomes que no seu momento estiveron castelanizados as notificacións oficiais chegan co topónimo correcto.

Pasa en Rianxo, onde Rianjo está completamente desterrado, e tamén en Noia, aínda que no caso deste último aínda hai particulares que manteñen o costume de utilizar Noya nas súas comunicacións coa Administración local.