O home que conquistou os elementos

borja oujo / m.x.b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Este carnotán conta no seu palmarés cun campionato do mundo e varios de nivel nacional

27 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os deportes coma o fútbol e o baloncesto son os maioritarios entre a xente de Barbanza. Aínda así, pódense atopar certos casos nos que alguén se sae desta norma, e se decanta por practicar outra disciplinas. O carnotán Abel Lago, nado en 1979, é un claro exemplo desta última opción, xa que os seus pasos encamiñárono cara o kitesurf. A súa paixón e sacrificio por este deporte foi tal, que logrou converterse nun referente neste eido.

A súa andaina nos deportes acuáticos comezou cando era moi novo. «Empecei a facer surf e windsurf en Galicia», comenta Abel Lago. O barbancés descubriu o kitesurf por unha casualidade. «Estaba pasando unha temporada en Tarifa no 2000; un día que non se deron as condicións meteorolóxicas necesarias para practicar o windsurf, decidín probar co de cometas», lembra. Este foi o punto de partida da súa brillante traxectoria nesta disciplina. O cambio dun a outro foi sinxelo, pois xa contaba con fama nestes círculos.

Novamente o azar

O carnotán participou ao ano seguinte no seu primeiro campionato de España. «A verdade é que fun para acompañar a uns amigos, pedíronme que fora con eles para compartir a viaxe», narra Abel Lago. Como estaba afeito a participar neste tipo de torneos, xa que fora subcampión de España júnior de windsurf uns anos antes, os nervios non existían. Ademais, explica que «non se consideraba co nivel suficiente para gañar». Os resultados mostraron o contrario, e este barbancés alzouse co título. «Non o imaxinaba, estabamos recollendo para volver á casa cando me dixeron que era o campión», conta o deportista.

Esta experiencia tamén supuxo unha gran alegría para a familia de Abel Lago, especialmente para súa nai. «Sempre me apoiou, desde pequeno», afirma orgulloso. «Con isto demostramos que a xente da nosa zona e que non sexa de familia rica tamén pode chegar alto», relata. «O importante é a capacidade de sacrificio, e o crer que podes cumprir os teus soños», explica.

O seguinte paso foi o asalto ao campionato do mundo. «Nada máis gañar o nacional, o meu patrocinador xa me proporcionou o orzamento necesario para poder inscribirme no mundial», lembra o carnotán. Na primeira participación acadou a quinta posición. O carnotán competía nas tres categorías de kitesurf: Freestyle, Race e Olas. Na primeira delas logrou estar nos cinco primeiros postos entre os anos 2001 e 2007. Na segunda logrou tres subcampionatos. Foi na última na que tivo o seu maior éxito, ao proclamarse campión do mundo no ano 2007.

«Nunca me sentín o mellor, creo que fun o mellor entre os participantes daquel campionato, ou o que máis motivado estaba para gañar», xustifica Abel Lago. Desde este momento pasou a centrar a súa carreira nas modalidades de Race e Olas.

Axudando a mellorar

Actualmente, este ilustre carnotán atópase traballando en mellorar o material para o seu patrocinador. Aínda así, non perde de vista os campionatos, para os que segue preparándose. A súa rutina de adestramentos diaria comeza moi cedo. Para empezar, practica un pouco de surf, para despois pasarse ao kite. Cada día fai tres sesións de práctica e 40 minutos de estiramentos. Tres días á semana realizan exercicios fóra da auga e de antilesións.

Lago conta cunha escola que leva o seu nome en Muros. «Estou totalmente centrado neste proxecto, tenme moi ilusionado», conta o barbancés. «Ensinamos distintos deportes acuáticos: surf, kitesurf, windsurf ou vela», explica. Este deportista de elite afirma que para chegar a ser un dos mellores en algo, o fundamental é crer nas posibilidades de chegar a facelo. Tamén recalca que «sen sacrificio, as cousas non chegan».

abel lago profesional do kitesurf