Amicos implícase no estudo sobre as causas do autismo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

01 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O equipo dirixido polo catedrático Ángel Carracedo, director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, leva a cabo dende hai máis dun ano un estudo que indaga nas causas do autismo para combatelas e evitar que se produza este trastorno neuronal. O seu campo de análise son persoas de toda Galicia e, entre elas, usuarios de Amicos.

Onte, unha integrante do grupo de científicos estivo no centro de Amicos en Oleiros para falar cun dos afectados e con seus país. O pasado ano, o equipo xa estivera en Amicos, onde tomou mostras de sangue a cinco rapaces con autismo e a seus pais.

Estudo xenómico

O que pretende determinarse é se a responsable deste trastorno é unha causa xenética e cales son as involucradas. As investigacións levadas a cabo ata o momento permitiron determinar que un 25% dos casos de trastorno autista se identificasen con factores xenéticos.

En anteriores ocasións, Amicos ten colaborado co Instituto de Medicina Legal de Galicia.

O director do centro ribeirense, Xoán España, comentou onte a importancia do estudo que se leva a cabo e explicou que, por exemplo, un dos usuarios de Amicos é un rapaz con autismo que ten un xemelgo que non se ve afectado. España sinalou que os resultados do estudo poden ser determinantes.