Empezou aos 80 e estivo seis anos facendo cadros
08 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Hai persoas que fan bo o dito de que nunca é tarde para empezar. Un exemplo claro é José Segade Noya, un compostelán que vive na residencia que Geriatros ten en Noia. Tiña cumpridos os 80 anos cando decidiu enfrontarse a un lenzo en branco para experimentar a sensación que teñen os artistas. Tan ben lle resultou a experiencia que creou a súa propia colección de cadros, entre as que se atopan varias reproducións do Guernica de Picasso. Estes días, comparte os froitos da paixón que xa deixou de lado cos seus compañeiros, nunha exposición que permanecerá aberta ao público ata o luns.
-¿Como se lle deu aos 80 anos por empezar a pintar?
-Teño que dicir que a pintura foi algo que sempre me gustou, o que pasa é que nunca tiven quen me dirixira nese mundo. Cando eu era neno, había aulas de medio cento de nenos de idades moi variadas e cun só mestre. Cando me retirei, pois eu estiven moitos anos navegando, estaba un día na casa e vin un anuncio sobre un curso de pintura e debuxo. Aí empezou todo.
-¿Foi nese curso onde aprendeu as técnicas?
-Pois a verdade é que non. Alí estiven uns tres meses, pero non fixen máis que un cadro e coa axuda da profesora. Eramos máis de vinte alumnos, algúns con experiencia, e cada un ía ao seu ritmo. A idea non me convenceu e nin sequera cheguei a rematar o curso. Marchei e seguín pintando na casa.
-¿Como foron os comezos reais no mundo da pintura?
-Na casa, entusiasmábame pintar. Levantábame ás catro da mañá e chegaba o mediodía e seguía debuxando. Ía para o comedor e empezaba a pintar co lapis e logo pasaba o debuxo a óleo.
-¿Nunca regresou a curso algún?
-Nunca, seguín así, eu só, copiando postais e fotos. Fixen varias reproducións do Guernica, unha obra que me gusta moito.
-¿Que outros temas son os seus preferidos?
-Pois non tiña predileccións, a min servíame calquera cousa. Se vía algo que me chamaba a atención, pintábao, sen máis.
-Fala en pasado, ¿xa non pinta entón?
-Agora non, porque teño moitos anos ao lombo, 90. Hai catro anos que deixei de pintar, perdín a ilusión.
-¿Cal foi a causa?
-Enchía a casa de cadros, gastaba o diñeiro e non lle quitaba proveito algún. Eu son un xubilado e non podo gastar o diñeiro nisto.
-Sen embargo, ¿animouse a amosar a súa obra?
-Insistíronme desde a residencia e tamén os meus fillos, polo que me animei a expoñer 16 cadros, aínda que teño máis.
-¿Non volverá entón a facelo?
-Penso que non, pois non me apetece. Iso non quere dicir que dentro de tres meses non colla o pincel e me poña a pintar, pero a día de hoxe non me chama. E iso que todo o mundo me anima e está gustando moito a exposición de cadros.