Un tema para o debate

José R. Cabeza EXTESORERO DEL CONCELLO DE A POBRA

BARBANZA

Abordar unha análise da problemática económico-financieira municipal non é doado xa que a evolución dos concellos nesta etapa democrática foi polimorfa e anárquica, no que os políticos moi poucas veces tiveron as ideas claras adicando a meirande parte dos recursos, tamén antes da crise, a gastos non produtivos, pero debullemos algúns datos dos once concellos que conforman esta edición de Barbanza-Muros-Noia.

Unha primeira valoración topámola comparando a carga de cada veciño nos presupostos de 2013, a resultas do peche definitivo que a estas alturas moitos aínda non dispoñen, que vai dende os 534 ?/cidadán de Rianxo ata os 1.092 de Carnota, cunha media de 706 ?/habitante. Como ben coñecemos, dende a perspectiva económico-social, os concellos desta bisbarra non son heteroxéneos, xa que a meirande parte deles son mariñeiros, polo que isto ten unha complexa lectura política. No que todos coincidiron, aínda que tamén con porcentaxes dispares, que van dende o 0.69% ?/habitante de Ribeira ata o 5.99% de Mazaricos, sendo a media do 1.62%, foi no incremento dos tributos directos como o selo do coche (IVTM) e a controvertida contribución (IBI) que grava as vivendas e locais. Xa só co incremento destas dúas figuras impositivas que gravan a propiedade non sempre equitativamente, o goberno de Rajoy garante a racionalización e sustentabilidade dos entes locais derivado da Lei Orgánica 27/2013, polo que non se entende a forte contestación por parte das Federacións nas que están agrupados, máxime cando contaron cun rescate pouco atinado, de dubidosa legalidade e nunca moi ben explicado, para tapar as falcatruadas dos seus mandatarios.

Vexamos agora como administran os nosos rexedores os cartos da veciñanza nos servizos básicos de subministro de auga, sumidoiros e recolleita de lixo, nos que si teñen competencia exclusiva. Estes son os datos porcentuais de custo por veciño: Ribeira, 0.73; Boiro, 0.77; Rianxo: 0.83; Noia, 0.86; Mazaricos, 0.94; P. do Caramiñal, 1.11; S. de Outes, 1.15; P. do Son, 1.25; Muros, 1.42, Lousame, 1.94; e Carnota, 2.21; a media, 1.01%. A bos entendedores, poucas palabras.

Podería pensarse que os concellos non teñen marxe de manobra para levar adiante proxectos de interese, cando iso non é certo, podendo botar man das contribucións especiais para obras e servizos, un dos tributos máis equitativos do noso panorama fiscal. Problema: iso pode ter custo político, algo inasumible para unha caste acostumada a que outros paguen para eles poñerse as medallas e, con esa mentalidade, malpocada recuperación nos espera.