A Fundación Castelao rexurde desde Rianxo

Aínda que non estreará local ata finais de mes, a entidade iniciou onte unha nova etapa coa vila mariñeira como sede


ribeira / la voz

Levaba adormecida uns anos, pero as persoas que onte acudiron á reunión do padroado asumiron o compromiso de resucitar a Fundación Castelao. O encontro, que pretendía marcar o comezo dunha nova singradura da entidade, serviu tamén para a estrea de Rianxo como sede, aínda que non será ata finais de mes cando teña lugar a inauguración dos locais dos que dispoñerá na vila mariñeira, situados no Cuartel Vello.

«Foi unha reunión moi frutífera, onde todos os presentes amosaron gañas de traballar e ilusión por seguir sacando á luz a figura de Castelao». Con estas palabras resumía o presidente da fundación, Carlos Mella, o encontro do padroado, que tivo lugar no auditorio municipal e que contou coa asistencia, entre outros, de Fernández Albor, Encarna Otero, David Otero, Miguel Anxo Seixas, José Manuel Fraga, Xosé Luís Axeitos, Tuco Certiño e Manuel Velo.

Todos eles tiveron acceso ao plan de actuacións que deseñou o propio Mella, un documento que se someterá a votación na vindeira reunión pero que, a grandes rasgos, convenceu aos presentes. O que tivo o visto bo foi o programa de traballo para o 2014, que irá encamiñado a «refacer a figura do verdadeiro Castelao, dando a coñecer outras facetas que van máis alá da figura de caricaturista e debuxante». O presidente da fundación explicou que o primeiro paso será a organización de xornadas en colexios e institutos de Galicia.

Centro de estudos

Poñer ao descuberto o traballo que o galeguista rianxeiro levou a cabo en distintos eidos será tamén o gran reto do centro de estudos sobre Castelao que se instalará na vila barbancesa. A través dun arquivo e dunha biblioteca, alí almacenarase un material que, ademais de propiciar a realización de investigacións, verá a luz, na medida do posible, mediante a organización de exposicións. Aínda que a fundación manterá o local que ten na cidade compostelá, o de Rianxo pasará a ser a sede central.

Para recompilar o material e investigar a historia relacionada coa vida e a obra do intelectual, os membros do padroado que onte se reunión en Rianxo acordaron organizarse en comisións de traballo. Unha delas, por exemplo, estudará os problemas de visión que tiña Castelao e como estas doenzas influíron na súa pintura; mentres que outro grupo se encargará de analizar a defensa da muller que o escritor fixo en moitas ocasións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

A Fundación Castelao rexurde desde Rianxo