Fai bonecos de ganchillo seguindo a técnica xaponesa
17 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Hai un grupo importante de artesáns que veñen de irromper no tecido empresarial de Barbanza e que saen á luz en escaparates coma o showroom que o pasado venres promoveu a plataforma Creaturas. Un destes emprendedores é Susana Diz, unha ourensá afincada en Boiro que practica o amigurumi, unha técnica xaponesa que consisten en tecer pequenos bonecos empregando o croché ou o ganchillo.
-¿Como entrou en contacto con esta tendencia?
-Empecei polo ganchillo. Tiña que facerlle uns agasallos a unhas amigas e decidín confeccionarlles uns bolsos. Busquei en Internet e alí descubrín o amigurumi. Probei a técnica, dábaseme ben e seguín. Agora incluso vou facendo algún deseño propio.
-Pero, ¿ve isto como unha saída laboral?
-Agora mesmo estou no paro e, como teño moito tempo libre, decidín dedicarllo a isto. Non sei se terá futuro ou non. De momento, amoso a través de Facebook as miñas creacións e vou tendo encargos. O certo é que se nun futuro puidera dedicarme a isto profesionalmente estaría encantada.
-¿Que é o máis complicado do amigurumi?
-O máis difícil é decidir o que queres facer, a partir de aí, o proceso é sinxelo. Iso si, como outras actividades de artesanía, o amigurumi precisa unha gran dose de paciencia, pero é doado. Si vexo complicación en ensamblar as pezas máis pequenas, coma os dedos dunha man.
-¿Tivo algún encargo especialmente raro?
-Encargáronme, para un recén nacido, un gorro de cazador. Tamén fixen un osciloscopio, un aparello científico que non sabía nin o que era. O que máis me piden é roupa para nenos. Eu procuro non facer o de sempre, darlle unha volta e empregar fíos de cores vivas. Tamén están a espertar moito éxito os bonecos.
-¿Que bonecos dos que fixo lle veñen agora á mente?
-Pois fixen unha colección de Angry Birds para o aniversario dun neno e tamén algúns bonecos xaponeses.
-¿Que opinión lle merece a plataforma Creaturas que se fundou en Boiro?
-Para min é unha iniciativa moi boa, pois eu son de Ourense e non coñecía a moita xente en Boiro. Creaturas permíteme intercambiar experiencias, ver o que fan os outros artesáns. Compartir coñecementos enriquece moito.
-¿Que tal resultou a actividade do pasado fin de semana?
-Para min foi unha experiencia moi positiva. Tanto o pequeno curso que impartín como a exposición de traballos gustaron moito.
-¿Pensa que calquera pode realizar pezas de amigurumi?
-Eu penso que si. A proba está en min mesma que, cando empecei, practicamente non sabía ganchillar. A través de Internet aprendín os pasos a seguir e accedín aos patróns. Precísase paciencia e dedicarlle tempo, pero calquera que o desexe pode practicalo.