«A palilla é unha actividade bonita e moi relaxante»

sara martínez / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

En contra do que parece, di que non é unha arte difícil

02 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O encaixe de bolillos é unha técnica antiga que hoxe en día conta con moitos adeptos. Esta arte permite elaborar verdadeiras marabillas e isto é o que queren amosar as alumnas de palilla de Mariví Santos no maratón que mañá comezará na Casa Mariñeira da Pobra. Entre as setenta participantes nesta iniciativa atópase Rosa Santalla.

-¿A palilla é unha arte complicada?

-Ao principio, cando te animas a practicar esta actividade, ves ás que levan máis tempo con tanta habilidade e rapidez que parece moi difícil. Pero cando empezas a coller soltura, ves que a palilla é unha actividade bonita e moi relaxante.

-¿Que perfil predomina entre os alumnos de bolillos?

-Os grupos están formados, case na súa totalidade, por mulleres; pero tamén hai homes que se animaron a participar e lle colleron o gusto. Contamos tamén con algúns nenos, a maioría tiñan curiosidade porque vían ás súas nais ou avoas e ao final acabaron uníndose ás clases.

-¿Este tipo de artesanía é moi coñecida?

-Cando comecei a practicala quedei sorprendida pola cantidade de xente en Barbanza que se dedica á palilla. Pero aínda hai moito descoñecemento. A maioría da xente pensa que só é facer puntilla, pero esta arte é moito máis. Dende bolsos, tocados, abanicos e incluso roupa, por iso me chamaron tanto as clases de Mariví Santos, porque nos ensinaba a facer cousas diferentes.

-¿En que consiste a iniciativa que presentan este fin de semana?

-Levo catro meses colaborando con Mariví na organización deste evento. Trátase dunha iniciativa con varias actividades. Os que se animen a visitar a Casa Mariñeira a partir de mañá ao mediodía poderán deleitarse cunha exposición, demostracións por parte das alumnas que estarán traballando fora do recinto e un maratón de bolillos.

-¿Que poderán ver os visitantes na exposición?

-A exposición realizarase dentro da Casa Mariñeira e recolle os traballos que as alumnas fomos facendo ao longo de todo o ano. Os visitantes poderán ver as diferentes opcións que ofrece esta arte e como hai poucas cousas que non se poden facer con esta técnica.

-¿Como se desenvolverá o maratón?

-É unha nova iniciativa na que setenta alumnas iranse alternando para traballar na mesma palilla durante 32 horas. Será un sistema fácil no que participarán palilleiras de todos os niveis. As que leven menos tempo nesta actividade terán unha persoa máis experimentada que as guiará no que necesiten. Comezará mañá, ás 12.30, e seguirá de maneira ininterrompida ata as 20.30 horas do domingo.

-¿Faise con algún obxectivo?

-Barallouse a posibilidade de facelo para conseguir o récord Guinnes, pero hai requisitos burocráticos que non cumpriamos. Así, o obxectivo principal é reunirnos e dar a coñecer e compartir esta arte co maior número de persoas posible.