Manoliño Garabullo sempre lle foi fiel ó partido. El pasou moitas noites da súa vida pegando carteis por rúas e corredoiras, antes de que os da competencia lle collesen o sitio. El é quen nas tabernas da súa vila predica para quen sexa as verdades nas que cre e as maldades dos demais. El é quen, para ocupar os postos de último da lista, onde ninguén quere ir, se apunta voluntario. El tamén é quen da paga de catrocentos euros desconta a cota mensual para o partido. Manoliño Garabullo ten moita fe nos seus e non cre nin a metade das cousas que se contan por aí do seu presidente e ministros que o acompañan, e se algunha cousa fan que non gusta, é por culpa do mal que llo deixaron os outros ou do retorcidamente que o contan os periodistas. E por toda esta e moita máis defensa dos seus a peito partido sacou moi poucos beneficios. Ás veces, algún dirixente abre a billeteira e sóltalle vinte euros sen recibo, para que vai esbardallar ó primeiro bar que atope (el chámalle facer campaña); no verán non lle falta choio limpando as praias cun contracto de horario reducido e no inverno ten moi bos amigos que lle amañan os papeis do paro ou da axuda familiar, e aínda lle regalan algunha que outra entrada para ir ver ó Celta, porque o Depor xa non está de moda.
Pero alguén andou a quentarlle a cabeza, que o mellor que podían facer por el era darlle algún posto de asesor, que outros con menos dedicación e fidelidade tamén o teñen e cobran montes e moreas. E nesas anda agora, falando con uns e outros, pedindo que lle miren en consellerías e ministerios por algún despachiño para el; pero todos lle dan largas, que a ver en que vai asesorar Manoliño a todo un conselleiro. E entón sae a súa proposta, el que ve todos os debates e comparecencias públicas de ministros e presidentes, ofrecéndose a ser o «moqueteiro oficial» das rodas de prensa.
É un choio que fai moita falta para poñer algo de cordura en tanta tolemia, un choio de orde, de ensinar educación a quen non a ten e de protexer da indiscreción da prensa ós seus líderes, un choio para o que sabe que vale, el que leva observando a falta de respecto que hai coa autoridade, que ve como sempre hai un periodista disposto a preguntar indecencias, cando o señor presidente comparece de motu proprio, obrigado a facelo a través dunha pantalla de televisión, precisamente para que non o interrompan; que vai un ministro pola rúa e sempre aparece alguén que o insulta e lle chama ladrón e arruína vidas, que sae a familia real de oír misa e comulgar e non falta quen os increpe sen respecto, nin polo rei nin polos netos, e por iso está convencido de que fai falta a figura do «moqueteiro», un tipo que asiste ás rodas de prensa, que se pon detrás de todos e, cando algún linguarrota pregunta o que non debe, vai el e dálle un moquetiño na cachola advertíndoo: «Fala ben, iso non se pregunta», como lle facían a el na escola. ¿Ou tamén vai ser malo reprender ós maleducados?. A figura do «moqueteiro» pode ser máis importante ca de calquera deses asesores que cobran miles de euros por ler un par de folios e dicir isto está ben ou isto non nos convén. O «moqueteiro» pon orde, protexe a honorabilidade e permite que fale quen ten que falar sen ser interrompido. E o líder comarcal do partido, promételle pensar no asunto:
-A idea non é mala, Manoliño. E a todo se chegará.