A segunda parte da mostra BarbantiaRte confirma o talento da bisbarra
01 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Pese a que a tradición cultural da bisbarra barbancesa vén de lonxe, o logrado pola exposición BarbantiaRte, organizada polo Museo do Gravado de Artes e o colectivo Barbantia, ben pode considerarse unha eclosión do talento da comarca por ter sido capaz de dar visibilidade cunha soa ollada ao traballo desenvolvido por máis dun cento de artistas da zona. Se a primeira parte da mostra logrou poñer cara aos autores que buscan facerse un oco no tecido cultural, a segunda parte, inaugurada nun concorrido acto o sábado á noitiña, serviu para reafirmar o traballo de nomes de sobra coñecidos.
Persoeiros coma Pío Costa, Nuco Losada, Maralla, Manuel Ayaso, Jontxu Argibay, Paola García, Alfonso Costa o Ricardo de Barreiro non necesitan presentación, pero só xuntos nunha exposición coma a que pode verse en Artes ata finais deste mes é posible facerse unha imaxe global da dimensión do talento aglutinado nunha comarca como a de Barbanza.
Colaboración futura
O acto de inauguración serviu tamén para que as partes implicadas na organización da mostra confirmaran a súa disposición a que se celebren novas edicións de BarbantiaRte. Díxoo o vicepresidente da Fundación do Museo do Gravado de Artes, Javier Expósito, e corroborouno o coordinador de Barbantia, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
Ámbolos dous agradeceron tamén a participación dos máis de cen artistas que toman parte dunha mostra na que, pese á súa amplitude, aínda faltan algúns nomes.
No que respecta ás obras que forman parte desta segunda parte de BarbatiaRte, hai desde cadros realizados con distintas técnicas a gravados, fotografías -como as dos fotoxornalistas de La Voz de Barbanza Carmela Queijeiro e Simón Balvís- esculturas e incluso obras audiovisuais. Constitúe, pois, unha oportunidade inmellorable para saber que se está a facer na bisbarra.