«Pancho espallou entre moitos rianxeiros a semente do teatro»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Fixo posible a estrea de «O tempo do paxaro pinto»

05 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando, en novembro do 2010, faleceu Pancho Martínez, estaba mergullado na preparación dun gran espectáculo teatral: O tempo do paxaro pinto. Unha montaxe coa que pretendía poñer a case corenta persoas enriba do escenario. Para renderlle homenaxe, aqueles actores elixidos quixeron seguir adiante co proxecto. Foi un parto longo, pero por fin o domingo, todos os veciños poderán ver os froitos de tantos meses de esforzo. Manuel Cespón foi o encargado de coordinar a todos os que fixeron posible esta estrea, ademais de axudar a Xaquín Lorenzo nas tarefas de dirección.

-¿Como se xestou a idea de darlle continuidade ao proxecto iniciado por Pancho?

-A verdade é que a morte de Pancho colleunos a todos por sorpresa. Eu tardei bastante tempo en ter valor para ir polo restaurante pero, cando pasados uns meses o fixen, foi seu pai o que me falou da posibilidade de continuar con este proxecto teatral. A partir de aí tiven un encontro cos máis achegados, Xaquín Lorenzo, Eduardo Ares, Xesús Santos e Segis Zúñiga. Logo, xuntei ao resto. O certo é que toda a xente correspondeu e empezamos a ensaiar.

-¿Cales foron os principais obstáculos que tiveron que superar?

-A dificultade principal foi poñer de acordo a toda a xente. Hai membros de Airiños, da coral do Liceo, de Fogo Fatuo... Só tiñamos unha hora semanal para os ensaios. Así botamos todos este tempo, case dous anos.

-¿O Cadro Artístico é algo así como a representación de boa parte das agrupación culturais do municipio?

-Si, foi algo que xa Pancho creou para a primeira obra que representou: O soño do barbeiro. Logo, seguiu o mesmo esquema para esta segunda peza, escrita por el.

-¿Que quixo reflectir Andrés Martínez nesta obra?

-Tal é como se di no programa de man, é un texto baseado nun feito real que ocorreu en Rianxo, alá polos anos corenta. Houbo unha época de gran abundancia de xouba na ría que derivou en anos de fartura pero, despois, veu de novo a necesidade e colleu pulo a emigración. O título, O tempo do paxaro pinto, ven unha cantiga popular que sempre entoaba o dono dunha tasca da vila na que paraban os mariñeiros.

-¿Como se desenvolve esa historia enriba do escenario?

-O fío condutor é unha conversa entre un avó e o seu neto, que está buscando argumento para escribir unha novela. A partir de aí, van xurdindo diferentes escenas con personaxes moi diversos.

-Case corenta persoas enriba do escenario, ¿iso entraña dificultade na dirección?

-A verdade é que si. Pancho xa o fixera na función anterior, pero el tiña moita paciencia, sabía levar á xente. Eu atopeime con moitos problemas neste sentido, pois non teño a capacidade del para unir aos actores.

-¿Cal cre que foi o legado que lles deixou?

-Eu xa estaba con el no grupo Xeito e, tanto eu coma os outros, aprendemos moito con el. Tiña táboas. Andrés espallou entre moitos rianxeiros a semente do teatro, dou exemplo de que se pode chegar alto.

-¿O Cadro Artístico volve con intención de quedarse?

-Non. O Cadro Artístico volve só para renderlle esta homenaxe a Pancho Martínez. Quizais repitamos a función no futuro, pero nada máis.

manuel cespón coordinador do cadro artístico de rianxo