Pospuxo unha nova viaxe pola preparación do disco dos Heredeiros
01 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Músico, actor, guionista, cómico e, agora, autor dun libro que inclúe un cedé e un vídeo sobre unha experiencia con gran carga espiritual vivida en plena selva amazónica. Este polifacético artista ao tempo que aventureiro non podía ser outro que Tonhito de Poi. O ribeirense recalará esta noite no Ateneo Valle-Inclán (21.00 horas) para falar de O soro da verdade e, xa de paso, deleitar aos presentes con algún que outro acorde.
-¿Que se vai atopar o público neste disco-libro?
-O libro é unha especie de diario da viaxe que fixen en marzo do ano pasado ao Amazonas. Foi unha experiencia excepcional, que tratei de recoller. A maiores, complétase cun cedé con pista de vídeo que inclúe imaxes da selva, da tribu e unha entrevista cun chamán. A parte musical é unha cerimonia da tribu. O son da selva é unha sinfonía fascinante.
-¿Como se xestou esta viaxe?
-Todo comezou hai xa tempo. Eu oíra falar dun chamán que, cada fin de ano, montaba uns concertos incribles nos Pirineos. Como aventureiro que son, alá me fun. Quedei fascinado con el, pois emprega a vibración da música con fins curativos. Estiven cinco anos asistindo ás súas cerimonias e, veume tan entregado, que me convidou a ir á selva con el, pois acude con frecuencia na procura de menciñas. Era unha ocasión única e aproveiteina.
-Foi un mes e medio inesquecible...
-O máis parecido é coller unha nave espacial e ir a outro planeta. Estiven nunhas condicións extremas e sen poder fuxir. A beleza das paisaxes é sublime.
-¿Que o impulsou a deixar todo para lanzarse a esta aventura?
-Fun ao medio da selva movido polo interese espiritual, musical e medicinal. De feito, aprendín a elaborar medicinas a partir de elementos naturais e incluso a buscar un sapo que segrega un líquido letal. Cando fun, nin sequera tiña pensado compartir a experiencia, só recoller imaxes e impresións, dentro das posibilidades, pois ás veces era difícil manterse en pé.
-¿Como se decidiu entón a publicar todo este material incluído no «Soro da verdade»?
-Porque a experiencia no Amazonas superou todo o que eu podía imaxinar. Recibín coñecementos que creo que había que compartir.
-¿Haberá segunda parte desta fascinante experiencia?
-Estou tolo por volver, o que ocorre é que estamos en plena creación do disco dos Heredeiros. De feito, tiña pensado marchar a comezos deste ano, pero quedeime precisamente por este disco.
-¿Para cando ese esperadísimo disco de reencontro?
-Non queremos poñernos prazos, pero sairá este ano seguro, probablemente antes do verán. De feito, vou aproveitar que me quedo aquí para organizar unhas viaxes pola ría en catamarán, con cea e concerto incluídos. Todo relacionado co disco e a temática do Amazonas.
-¿O regreso dos Heredeiros é para vostede un soño cumprido?
-Totalmente, e con creces. A verdade é que non nos imaxinábamos o recibimento. O concerto cumpriu todas as expectativas.
-¿Hai entón Heredeiros para rato?
-O patrón do barco é o público. Nós tiñamos pensado celebrar os vinte anos da banda cun concerto de reencontro, pero o volcán en erupción co que nos atopamos deixounos fascinados.
tonhito de poi músico