O Belén

Lingua Proletaria FRANCISCO ANT. VIDAL

BARBANZA

Cando san Francisco de Asís fixo o primeiro Belén, só quería representar a unidade familiar, que o cristianismo celebra nesta noite equinoccial, pero como toda obra de arte, aquel simple conxunto familiar formado por tres pezas estaba aberto a distintas modificacións, e fóronselle engadindo todo tipo de personaxes que funcionaron a nivel simbólico, tal a mula e o boi que tanto deron de que falar estes días. Á fin, o que un Belén representa é o nacemento daquel a quen san Xoán chamou a luz da vida, e polo tanto todo o que hai ó seu arredor está dirixido a potenciar a figura de quen a representa, e a partir de cuxo nacemento van crecer os días e a luz vai triunfar sobre as tebras. De feito, nestas datas, xa nas relixións precristiás celebraban o medre dos días. E para potenciar esa figura, o resto dos actores han de carecer de tal poder creativo, ó menos de maneira simbólica, empezando por san Xosé, un ancián a quen se lle supón demasiado maior para ser pai, e a Virxe, que por virxe e por ser unha nena, tamén se lle supón incapaz de xerar vida por si mesma, á fin ela trae ó mundo a Xesús por milagrosa intervención de Deus, e a mula e o boi, dous animais estériles. Ese é o grande milagre que trata de representar o Belén. Así pois, os dous animais deben seguir formando parte do conxunto, como todas as demais figuras que aquí xogan o seu papel simbólico, os pastores representando coa pobreza desprendida a humanidade e a solidariedade, ó ofrecer o pouco que teñen, os magos cos seus galanos como símbolo das razas e da universalidade da mensaxe de Cristo, os soldados e o pazo de Herodes representantes do mal, sempre arredados e ó fondo, e incluso figuras como o caganet catalán que xa se estendeu a fóra de Cataluña para simbolizar o abono da terra que axiña, na volta duns meses, empezará a florecer.

Ó largo da xeografía galega hai moitos beléns, artesanais ou electrónicos, máis ou menos artísticos, simpáticos e ata tétricos, sobre mesa ou no fondo dun acuario e entre as quenllas, que representan o milagre do nacemento de Cristo, pero tamén os oficios tradicionais.

Lembro como un dos beléns que máis me impresionou, o que Jorge Amado describe na súa inmortal Gabriela, cravo e canela onde unhas velliñas de Ilheus fan un con recortes das revistas que cada veciño que viaxa lle trae de todo o mundo, e alí están, camiñando cara o presebe, todos os personaxes da época; como me encanta o Belén que fan na biblioteca pública de O Froxel, en Arteixo, onde os usuarios puxeron a súa foto nas figuras que eles mesmos modelaron en cartolina.

Pero xa desde este ano teño que celebrar como un dos preferidos o da parroquia de Momán, na provincia de Lugo, porque alí entenderon que o Belén, como toda manifestación artística, non está exenta de crítica social e debe involucrarse no mundo que lle toca vivir; e así, nesta parroquia do concello de Xermade, con inspiración na crise que se vive, puxeron á Virxe María, pobre e sen casa, entregándolle a santo Antonio, santo da caridade e das cousas imposibles, ó neno Xesús para que llo coide.