«Os bancos de tempo son unha oportunidade para compartir»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Encárgase de dinamizar a un grupo de vinte persoas

15 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Púxose en marcha a mediados do 2010 e, despois dun parón, o banco de tempo de Ribeira volve a estar operativo da man de Herminia Dios. Ela é a encargada de tirar dun grupo formado por 23 persoas, pero que ansía seguir medrando para poder así incrementar os servizos e actividades susceptibles de seren intercambiados.

-¿Cal é o perfil tipo do usuario do banco de tempo de Ribeira?

-Son, maioritariamente, mulleres. O abano en canto á idade é moi amplo, vai desde mozas en idade universitaria ata maiores de setenta anos. Tamén hai persoas cunha gran dispoñibilidade horaria e outras que, por cuestións laborais e familiares, teñen unha franxa moi restrinxida.

-¿Cales son os servizos máis demandados?

-Os máis demandados son aqueles que teñen que ver co feito de compartir o tempo libre, como pode ser camiñar, ir ao teatro ou achegarse a unha exposición. Tamén ten saída o acompañamento de persoas maiores e de nenos, sobre todo para levalos a determinadas actividades extraescolares.

-¿Funciona entón con éxito como método de conciliación da vida laboral e familiar?

-Na norma que os regula, os bancos de tempo veñen xa recollidos como unha actividade de conciliación, pero, na súa esencia, existen desde antigo. Tradicionalmente, nas aldeas xuntábanse todos os veciños para traballar as leiras, tamén nos colexios, aínda hoxe, hai pais que recollen a varios nenos.

-¿Tivo vostede que empezar de cero despois do parón que sufriu o banco de tempo?

-Non, porque aínda que non había unha persoa que se encargara de organizar e dinamizar o banco de tempo, os seus usuarios seguiron realizando intercambios igual de xeito individual. O que faltaba era alguén que tirara do grupo e que promovera actividades conxuntas.

-¿Existe aínda reticencia por parte da poboación a sumarse a este tipo de iniciativas?

-Máis que reticencia, eu diría que, a priori, hai desconfianza, pero esta desaparece cando a xente se coñece. Por iso é importante facer actividades de dinamización grupal, porque os membros do banco teñen que coñecerse para perder o medo á hora de realizar intercambios.

-¿Que aspectos positivos destacan os usuarios do banco de tempo?

-Do que falan é da necesidade que temos de relacionarnos, de compartir o tempo polo mero feito de facelo. A vida é tan acelerada hoxe en día que aos usuarios do banco resúltalles gratificante conversar, estaren acompañados.

-¿Que lle diría a aqueles veciños que aínda non se atreveron a dar o paso de contactar co banco de tempo?

-Diríalles que se acheguen polo Centro de Información á Muller e que nos coñezan. Que perdan o medo e que vexan como funciona o grupo, entón daranse conta de como se vai difuminando o medo. Os bancos de tempo son unha oportunidade para compartir e hai que aproveitala.

herminia dios axente de tempo de ribeira