Aínda que o pareza, non é nada novo. Ao longo da historia, España tivo diversos episodios de suspensión de pagos. Por conseguinte, logo da experiencia acumulada, semella que non debera sorprendernos ningún dos efectos asociados a unha anormal relación coa débeda soberana como suba de impostos, redución do consumo, paro e un xeral descenso no nivel de vida da cidadanía aos que inexorablemente conduciron as diversas burbullas financeiras ocasionadas pola española vocación imperial.
A imposibilidade de pago nos prazos fixados dos empréstitos recibidos por parte dos Lomelin (poderosos banqueiros xenoveses) ao rei Filipe II, vai dar lugar a un episodio certamente desgraciado para a vila de Noia e a súa xurisdición: á conta do que o rei lle debía, un membro desa poderosa familia adquire este territorio por 75.000 ducados. Previamente, unha bula papal solicitada polo rei vai darlle o poder e libre autoridade para desmembrar, apartar e vender calquera vilas, lugares e fortalezas xurisdicionais, vasalos e outras herdanzas coas súas rendas. De acordo con isto, primeiramente o rei vai enviar unha cédula ao arcebispo de Santiago para comunicarlle a súa intención de desmembrar a vila de Noia e as súas freguesías. De seguido, o Consello Real de Facenda designa unha persoa para que, en unión da nomeada polo arcebispo, investigase o valor das rendas e dereitos correspondentes.
A continuación, logo de efectuada a desmembración, vai fixarse o monto global da vila e a súa xurisdición ante o representante do Consello Real de Facenda e a persoa designada polo comprador. Finalmente, por medio da emisión dunhas reais cédulas, o Rei comunica ao Alcalde Maior, xustizas, consello, alcaldes, rexedores, oficiais e homes bos da vila de Noia e as súas freguesías o nome do novo propietario. O 21 de marzo do 1586 a vila, e a súa xurisdición, era entregada ao xenovés Agustín de Vivaldi, representante de Baltasar Lomelin.
Os homes de negro tratarán de quitar o máximo rendemento á súa posesión, intentando desta forma amortizar a débeda. A rendibilidade económica é o primeiro, por riba dos negativos efectos sobre a poboación.
O empeoramento na vida dos habitantes da vila manifestarase poucos anos despois dun xeito tráxico: sobre unhas xentes máis pobres e peor alimentadas, os efectos da peste de 1598 van ser demoledores.
A caída da poboación da vila de Noia vai ser brutal. Certifica o desastre a perda de máis da metade dos seus habitantes entre 1586 e 1599.
Para Jerónimo del Hoyo (1607-1610) non hai dúbida sobre cal foi a causa principal desa perda de poboación: a cobiza dos homes de negro preocupados unicamente en recuperar canto antes o seu diñeiro, o que conduciu a vila de Noia ao desastre: «...solía ser esta villa con su jurisdición de los arçobispos de Santiago, y entonces estaba mui rica y con mucho lustre. Después la vendió el rey a un genovés y está pobre y necesitada». Sen dúbida, unha boa lección do pasado para os revoltos tempos presentes.