Unhas noventa persoas acudiron ao local para rirse con el
07 may 2012 . Actualizado a las 07:08 h.A noite do sábado en Ribeira tiña, moi resumidamente, dous espectáculos. Fóra, a inmensa lúa chea e, a cuberto, a sesión de contos con Cándido Pazó, organizada pola asociación cultural Flor de Toxo. A cita era no bar Brétema e o resultado non puido ser mellor: «Un éxito», valoraba, á entrada do lugar da actuación, o presidente da entidade, Francisco Javier Gómez.
Pazó non defraudou. Cunha botella de auga na man, con vaqueiros e unha camiseta vermella -a xogo coa escaleira desa mesma cor que sempre o acompaña neste tipo de espectáculos- arrincoulles aos presentes boas gargalladas. «As palabras son por algo», dixo nun momento da súa actuación. Si, pero hai que saber modulalas para conseguir o efecto que el acada. Entre o público, había caras mozas, pero tamén outras máis entradas en anos. Gozaron do seu humor por igual. «A ver, díganme, ¿canto tempo cren que dura a eternidade? Moito tempo. E-ter-ni-da-de. Se non fora eternidade non se chamaría así, senón doutro xeito». Lóxica pura, pero ben contada. Diso se trata.
«Teño vido moitas veces a Ribeira, xa hai tempo, e daquela tiña unha maneira de contar moi atomizada. Agora teño outro modo: facer unha grande historia con outras historias dentro... Así que vou facer unha recapitulación», díxolle ao seu público ao comezo. Pazó é un mestre de cerimonias único. Incluso o mellor mestre de sí mesmo.
A proba, por tanto, está superada. «A verdade é que xa perdemos a conta das entradas que vendemos», admitía o presidente de Flor de Toxo. Segundo as estimacións, habería unhas noventa persoas. Coa terraza tamén ocupada, o espazo preparado no Brétema mesmo quedou pequeno. A asociación xa pensa nas vindeiras contratacións para máis noites de conto.
Visto o éxito, Flor de Toxo xa pensa nos convidados das vindeiras fins de semana