Unha muller envolta no misterio

Patricia Blanco
Patricia blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

En Noia gárdase todo canto se coñeceu dela cando lle dedicaron as Letras Galegas

15 abr 2012 . Actualizado a las 07:04 h.

QUE FOI DO LEGADO DE MARÍA MARIÑO CAROU

A choiva acompaña na procura dos recordos vivos que quedan de María Mariño Carou (Noia, 1907-Parada do Courel, 1967) na propia vila noiesa. Un día gris de abril para tratar de coñecer á muller do sorriso, á muller do misterio. A poetisa, que se ben non acumulou unha obra ampla, si deixou unha fonda pegada con Palabra no tempo e Verba que comenza, foi ata o ano 2007 -no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas- practicamente unha descoñecida. ¿Ségueo sendo? En parte si. Podería saberse moito máis, di o investigador noiés Xerardo Agrafoxo, autor, xunto con Suso Xogaina, da biografía que nese ano se publicou dela: Retrato dunha vida.

Era a única ata ese momento e era tamén a primeira vez que se honraba a alguén dedicándolle o Día das Letras Galegas sen saber nada, ou case nada, da súa traxectoria vital. Aínda que houbo algunha iniciativa puntual anterior, foi nese 2007 cando as homenaxes e os actos en torno a María Mariño empezaron a agromar. Hóuboas en Noia, en Boiro (a autora viviu en Escarabote e a a súa relación co pazo de Goiáns foi clave, literariamente) e tamén se fixeron no Courel, onde morreu.

O Concello de Noia, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, elaborou naquel 2007 unha serie de pancartas ou bandeirolas, deseñadas por Alfonso Costa, que permaneceron todo o ano expostas. Consérvanse, afirma a técnico de Cultura, Concha Allut, quen tomara parte activamente naqueles festexos, xunto co entón alcalde da vila, Antonio Pérez. Houbo tamén uns paneis fotobiográficos: actualmente, están almacenados no teatro coliseo Noela. Se algunha entidade quixese facerse con eles para algunha iniciativa, podería, di Allut. Tamén o busto da Alameda data dese ano e segue en pé. A maiores, a placa conmemorativa na rúa Cega, na cal nacera María Mariño, e colocada nese 2007, segue presidindo o lugar. Da que fora a súa casa non queda máis que o sitio. Todo mudou.

Desta autora non hai itinerario a seguir, coma no caso de Avilés de Taramancos. Houbo un puntual, nese ano de festexo, seguindo as súas poesías. ¿Quedan recordos ou coñecemento dela? Agrafoxo di que en Noia, na xente, case non. En Boiro, algún que outro porque a sitúan como sobriña da que fora dona do pazo do Goiáns. Pouco máis. Cada 17 de maio, o concello noiés pon flores ante o seu busto. Garda exemplares das obras publicadas por ela, así como a biografía feita por Agrafoxo. Pódense ollar na biblioteca. Outros (poucos) escribiron algo sobre esta muller. Son achegas á vida dunha escritora envolta no misterio. Sobre a súa idade, o seu fillo ou o seu espírito. Podería saberse máis se se coñecesen novos escritos, ou as cartas que lle enviaba a algunha sobriña. Pero iso requiriría máis que un ano de actos. E tamén apoio institucional.