«Axudar ás persoas é algo que sempre me gustou»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cristian é vicedirector do consello da mocidade da entidade

16 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Con apenas 21 anos, e dende hai cinco, Cristian Rodríguez Noya dedica o seu tempo libre a colaborar nas actividades organizadas pola Cruz Vermella de Boiro. Dende comezos deste 2012 a súa implicación é, se cabe, aínda maior, xa que é un dos responsables do consello local de mocidade, que xa está a traballar na posta en marcha de dúas novas campañas que botarán a andar nas vindeiras semanas.

-¿Por que un decide facerse voluntario?

-No meu caso, foi por unha amiga que estaba de voluntaria na organización. Faloume das actividades que estaban levando a cabo, das rutas que facían, das quedadas con outros voluntarios, e decidín probar. Diso vai facer cinco anos.

-Chama a atención que sendo tan novo, con apenas 16 anos, decidise dedicar o seu tempo aos demais.

-Axudar ás persoas é algo que sempre me gustou, e nada máis entrar na institución comecei xa a facer actividades. Unha das primeiras foi un encontro de voluntarios menores de idade de toda Galicia e a verdade é que me encantou. Logo xa fun pouco a pouco participando en outras iniciativas. Neste tempo, fun pasando polos distintos departamentos de Cruz Vermella de Boiro, desde intervención social ata medio ambiente ou mocidade. Só me falta o de socorrismo, que o certo é que é unha materia que teño pendente e teño intención de superala e facer os cursos de primeiros auxilios.

-¿Teñen algún grao de responsabilidade na organización os voluntarios?

-Durante moito tempo dependemos da técnica que está na oficina, que é a encargada de coordinar as actividades, pero en xaneiro constituímos o consello local de mocidade, do que formo parte como vicedirector.

-¿Que funcións ten o consello local de xuventude?

-Un pouco de todo, desde organizar nós as campañas e mobilizar aos voluntarios para que participen, ata ocuparnos de realizar a memoria en colaboración coa técnica.

-¿Quen decide que actividades ou campañas realizan?

-Desde Madrid, a Cruz Vermella manda unhas propostas e nós reunímonos para decidir se a seguimos, que actividades podemos levar a cabo ou se podemos facer algo a maiores. Por exemplo, o ano pasado, na campaña polo día contra a violencia de xénero, fixemos un concurso de cómics que foi un éxito e propuxemos a idea para que se leve a cabo a nivel nacional.

-¿Hai algún proxecto á vista?

-Temos xa dúas campañas que desenvolveremos antes de xuño, unha sobre a prevención do consumo de drogas e outra sobre a prevención de accidentes en todos os ámbitos.

Cristian Rodríguez voluntario da CRUZ vermella DE Boiro