«Participar nun proxecto de voluntariado enriquece moito»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Esta mestra de Boiro é a representante en Galicia dunha asociación con iniciativas en América Latina, África e Asia

29 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A súa profesión de mestra de educación especial fixo que se interesara por un dos microproxectos de colaboración da Asociación para la Integración y Progreso de las Culturas (AIPC) Pandora. Dende entón, Laura Guitián, docente do colexio Praia Xardín, é a representante en Galicia da entidade e, polo tanto, a encargada de divulgar as actividades que levan a cabo no eido da cooperación.

-¿Cal é o obxectivo da AIPC Pandora?

-É unha asociación sen ánimo de lucro que busca promover a cidadanía activa e colabora no desenvolvemento de países de América Latina, África e Asia. O traballo realizado divídese en tres grandes áreas: a participación no desenvolvemento a través dos microproxectos de cooperación; a mobilidade internacional e voluntariado europeo, con actividades como campos de traballo e de turismo responsable; e escolas de idiomas e cultura, que combina o voluntariado con estancias no estranxeiro para aprender idiomas.

-¿Cal é a área na que están traballando neste momento?

-Agora mesmo estamos dando a coñecer os microproxectos de voluntariado que se desenvolverán o próximo verán. Son estancias grupais, con entre seis e doce participantes, de 21 días. A asociación colabora con outras organizacións nos países de orixe que son as que nos transmiten unha necesidade concreta dunha determinada comunidade para o desenvolvemento dos proxectos, como pode ser a construción dunha infraestrutura ou a posta en marcha dunha escola. Cada iniciativa ten un obxectivo moi concreto, e poden estar relacionados coa educación, o ocio e tempo libre, o medio ambiente ou incluso a dotación de servizos.

-¿Que requisitos debe cumprir unha persoa que queira sumarse a estes proxectos? ¿É precisa unha formación específica?

-A diferenza doutros proxectos de cooperación, non se esixe unha formación concreta, aínda que si se valora esta cuestión en determinados proxectos. Eu, por exemplo, son mestra de educación especial, e esa é a temática da iniciativa na que participei o ano pasado en Perú. Pero a asociación está aberta a calquera persoa con ganas de colaborar, con interese, implicación no proxecto, flexibilidade e capacidade de traballo en equipo.

-Dixo que o verán pasado estivo en Perú, ¿foi a súa primeira experiencia de voluntariado?

-Tiña feito algo a nivel local, pero foi a miña primeira experiencia de voluntariado internacional, por iso elixín un destes microproxectos, porque dura 21 días, e dá un pouco de medo meterse así de primeiras en un tema máis grande.

-¿Como foi a experiencia?

-Xenial. Tes a oportunidade de coñecer a moita xente, fas moitos amigos, trátante xenial e son comunidades que che acollen moi ben. Incluso estou pensando en volver este ano ao centro de educación especial de Perú no que colaborei o verán pasado, pero aínda non o teño decidido. O que é seguro é que participarei en algún microproxecto porque é algo que enriquece moito, faiche ver as cousas dende outra perspectiva.

-¿Estaba preparada para o que se atopou en Perú? ¿Era como imaxinaba?

-A realidade que te atopas sempre é diferente, aínda que tes que facer un curso de formación no que se dá información sobre o país e o proxecto e falas con persoas que xa participaron nesa iniciativa, nunca es capaz de imaxinar como son as cousas.

-¿Cal é a súa labor como representante da AIPC Pandora?

-Divulgar o traballo da asociación en Galicia con charlas e reunións informativas con persoas interesadas en colaborar. Na web www.apic-pandora.org está toda a información e tamén se poden facer consultas no correo coruna@aipec-pandora.org.

Laura Guitián Cooperante da AIPC Pandora