«Temos que deixar os localismos e mirar polo ben da comarca»

Raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Considera que a mellora das comunicacións é a gran materia pendente

19 feb 2012 . Actualizado a las 07:03 h.

O bicho da política picoulle a Teresa Villaverde máis tarde do que vén sendo habitual. Mestra de vocación, asegura que foi o rexedor lousamiano Santiago Freire (PP) quen lle terminou de descubrir a paixón por esta profesión, tan difícil nos tempos que corren. Reflexiva e namorada da comarca, afronta esta etapa como deputada no Parlamento coa ilusión de poñer o seu grao de area para mellorar a calidade de vida dos veciños.

-¿Cales son as principais necesidades que ten a comarca?

-As comunicacións. Aínda que xa se saldaron débedas históricas como a autovía ou o corredor de Noia, quedan outras polas que hai que loitar aínda que nos atopemos nunha situación de crise. Agora máis que nunca temos que deixar os localismos e mirar polo ben da comarca.

-¿Confía en que os presupostos do Estado se adecúen ás necesidades de Galicia e atendan a factores coma o envellecemento ou a dispersión poboacional?

-Estou segura de que Feijoo insistirá para que saiamos beneficiados. Non é o mesmo achegar recursos a núcleos grandes que aos pequenos e dispersos, como hai na nosa comarca. O goberno socialista non o tivo en conta.

-Sendo concelleira de Dependencia no Concello de Lousame, ¿cre que os recortes da Administración autonómica poñen en perigo este servizo?

-Na comarca contarase nos próximos meses cunha infraestrutura que será de gran axuda ás familias, o centro de día de Lousame. Penso que o Partido Popular está facendo grandes esforzos neste aspecto, a pesares do contexto económico. Un informe recente de Comisións Obreiras desvelou que o Goberno socialista recortou máis os gastos á dependencia que a Xunta. A sanidade debe ser unha das nosas prioridades.

-Manifestou cando ocupou o escano libre de Pablo Cobián que reflexionara moito a decisión...

-Pensar demasiado nas cousas é un defecto persoal. A posibilidade de incorporarme ao Parlamento chegoume por sorpresa, era un cambio moi grande, pero estou satisfeita coa decisión.

-¿Como cre que se atopa o PP a nivel autonómico?

-Consolidado, tamén a nivel estatal. O noso presidente traballa incansablemente contra o paro.

Teresa Villaverde deputada do partido popular

«A posibilidade de incorporarme ao Parlamento chegoume por sorpresa, era un cambio moi grande»