Lei 20/2011, de medidas urxentes para corrixir o déficit público supón, dende logo, un incumprimento das promesas electorais do PP de non atallalo pola vía do incremento impositivo senón pola redución do gasto, opción que a U.E. deixa a criterio de cada estado membro dentro do Programa de Estabilidade 2011-2014. ¿Porqué, entón, esta elección de Rajoy?.
Sendo o máis benévolo posible, de seguro que pola inmediatez dos resultados na liquidez, pero o que resulta chamativo é o incremento da contribución inmobiliaria para que os concellos tamén fagan caixa cando, pola súa escasa incidencia no conxunto da débeda do estado, xa que o groso do problema está nas autonomías, o máis atinado sería comezar aplicando xa o ideario popular no gasto municipal, xa que disciplinando esa materia cuestión arranxada. Un estudio revela que son os concellos costeiros os máis empufados, pero que, en xeral, os demais fixeron ben os seus deberes, polo que habería que analizar a incidencia do turismo no PIB en Galicia.
Tamén cómpre afondar no eido municipal na redefinición das súas estruturas, baseadamente nas plantillas de funcionarios e políticos con dedicación exclusiva ou parcial, que son as que abranguen a meirande parte dos cartos e que no meu artigo do 2/11/2010 cualifiquei de aberracións. Tampouco ten lóxica que, sistematicamente, cada alcalde electo teña que ter unha secretaría -con tilde- política que, cando remata o seu mandato, o/a titular ou queda sen traballo e hai que buscarlle unha ficticia asesoría nas deputacións ou noutras administracións, por non falar das alfombras de cemento portland que serven para organizar orxías como se das bacanais gregas e romanas se tratara. Con todo iso hai que rematar.
Para acadar a recuperación económica e o mantemento do estado de benestar precísase unha viraxe de cento oitenta graos a todas as políticas socialistas das derradeiras décadas.
Non se entenderían os resultados do 22-M nin a aposta dos españois polo cambio do 20-N.