Na comarca abundan os petróglifos que conteñen talladas figuras en forma de cruz
16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Cando redacto este texto teño presente na lembranza a un amigo recentemente desaparecido, César de Lombera Pando, amante do patrimonio arqueolóxico de Galicia e da súa Cantabria natal.
Dentro do conxunto dos gravados rupestres galegos existe un grupo de motivos que polas súas características e a súa posible datación en época histórica non espertaron ata agora excesivo interese por parte dos estudosos, ocupando sempre o lugar de irmáns pobres da familia. Referímonos aos gravados cruciformes, presentes a cada paso nos camiños, nos muros, nas casas e muíños e tamén dun xeito destacado nas rochas dos montes. E cando dicimos que as cruces gravadas están presentes no noso contorno non facemos outra cousa que constatar o que o saber popular recolle: «Cruz na fonte, cruz na ponte, cruz no monte».
Se hai unha cuestión relacionada cos motivos cruciformes que ten sementado dúbidas é a do seu posible carácter de representación esquematizada da figura humana con cronoloxía prehistórica, idea que pode resultar suxestiva á vista dalgúns gravados existentes no Barbanza como os da Pedra Leirada, Sirves ou Bealo. Co nivel actual dos nosos coñecementos non podemos desbotar, con carácter xeral, esa hipótese pero podemos situar cronoloxicamente a práctica totalidade dos gravados cruciformes do Barbanza en época histórica.
A cruz simboliza dun xeito perfecto a idea do encontro dos opostos, do norte e o sur, do ben e o mal, as eternas contradicións entre as que o home vive capeando o temporal das incertezas. Pero a cruz é tamén o máis sinxelo dos símbolos, reproducible por nenos e maiores, e o afortunado logotipo -permítaseme a expresión- do cristianismo, que acadou coa súa elección o maior dos éxitos. Na nosa opinión, a motivación relixiosa nas súas diversas manifestacións é a que explica a maior parte destes gravados. Desde a cristianización do noso país a cruz gravada nas pedras acompaña a vida cotiá en todos os ámbitos de actividade. Os cruciformes serviron para delimitar coutos e propiedades, para santificar espazos de culto pagán, para sinalar lugares marcados por traxedias ou crimes, e para realizar ritos de carácter relixioso en lugares de peregrinación e romaría dos que imos perdendo a memoria co paso do tempo.
Exemplos no Barbanza
No Barbanza contamos con bos exemplos de gravados cruciformes. Velaí os de Bealo (Boiro) ou os da Pedra Leirada (A Pobra). Especial interese ten o conxunto de cruciformes de termo de Ribeira, recollidos nun fermoso mapa que sinala con precisión os límites do antigo Couto do Deán mediante cruces gravadas nas pedras, algunha delas aínda visible hoxe. No concello de Ribeira cómpre mencionar tamén os aínda non catalogados cruciformes de Lobeiras (Oleiros). En Porto do Son existen tamén interesantes conxuntos de cruciformes como de A Graña, Gourís ou o Castro de Caamaño.
Pero se existe no Barbanza unha estación extraordinaria con gravados cruciformes é a de Caveiro, situada preto da ermida do Loreto (Porto do Son), que tivemos a sorte de atopar en 2001, e na que podemos contar arredor dun cento de cruces de moi diversa factura e cronoloxía, o que a converte nun dos conxuntos máis importantes de Galicia. Alí, durante anos, mulleres e homes foron gravando, por motivos que descoñecemos, cruces de moi diversos tamaños ata ateigar toda a superficie da pequena rocha localizada á beira dun camiño.
Algunha motivación moi transcendente moveu os nosos antepasados a gravar as cruces nesa rocha ao longo do tempo, como tamén algo importante tivo que mover as persoas que durante séculos gravaron cruces nas pontes, nas fontes e nos montes da nosa serra.
Neses gravados sobreviven, entre o esquecemento xeral, testemuños que dan conta dunha parte da nosa historia e que, con independencia de que sexan prehistóricos ou medievais, da súa relación con lindeiros ou propiedades, crimes ou rituais relixiosos, son parte irrenunciable do noso patrimonio histórico e etnográfico.
O autor explica a uns nenos os petróglifos de Caamaño, no ano 2002.