«Casa da Gramática», Eva Veiga e Paola García gañan os Sereos

Os premios de Barbantia van ser entregados en Noia o vindeiro sábado


RIBEIRA / LA VOZ

OS TRES GALARDOADOS

Pintora

Nada en Santiago, Paola García Paz reside en Boiro, a onde chegou de nena coa súa familia. Seu pai, Raimundo Rodríguez, «Borobó», debeulle de premer o interese pola cultura, xa que, ademais da súa faceta creativa, forma parte de diversas entidades, e preside a de amigos do Museo Valle-Inclán.

Publicación

A revista do Instituto Virxe do Mar é unha institución xa non só no ámbito do centro educativo, senón tamén na vila de Noia e na comarca. Nela colaboraron autores que hoxe están consagrados, así como outros do panorama galego de recoñecido prestixio. Empezou a súa andaina en 1997.

Poeta

Xornalista e poeta, esta muller de Pontedeume está estreitamente ligada á comarca de Barbanza. No ano 1993 obtivo o premio Esquío pola súa obra «Fuxidíos». Tamén leva publicados «Paisaxes do baleiro», «A luz e as súas cicatrices», «Desconcerto» e «A frecha azul do teixo».

O colectivo cultural Barbantia xa se prepara para a súa gran festa anual, que este ano vai ter lugar en Noia e contará con tres protagonistas de excepción: os galardoados cos Sereos, os premios instituídos pola asociación que acadan este ano a quinta edición. Na Traxectoria Cultural no Barbanza, a galardoada é a pintora Paola García Paz; a Iniciativa Cultural no Barbanza é para a publicación do IES Virxe do Mar de Noia, Casa da Gramática; e a distinción á Cultura Galega vai para a poeta Eva Veiga.

A entrega das figuras de Sargadelos que substitúen ás de bronce que se viñeron dando ata o ano pasado, vai ser o acto máis solemne da cita fixada na Casa de Cultura Avilés de Taramancos da histórica vila de Noia, pero vai haber outros que xa son fixos na programación da principal entidade cultural da zona. Trátase, por exemplo, da presentación no Anuario de Estudos do Barbanza 2011, publicación na que se recompilan colaboracións de creadores barbanceses, un resumo dos actos que se desenvolveron ao longo dos doce meses baixo e epígrafe de Barbantia, a relación dos libros editados na comarca e outras achegas, do que falará Manuel Cartea, o coordinador da publicación.

A designación dos premios Sereos fíxose por medio dunha votación entre os socios de Barbantia. O período para presentar as propostas rematou o pasado venres e o escrutinio foi feito polo presidente da asociación, Xesús Laíño; o directivo Antón Riveiro Coello e o coordinador da organización, Alberto Piñeiro.

Quince distinguidos

Cos sereos que se van entregar o vindeiro sábado en Noia, os distinguidos polo colectivo cultural chegarán aos quince desde que se implantaran os Sereos hai cinco anos.

Na primeira edición, recolleran as imaxes de bronce o intelectual e fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo, na modalidade de Cultura Galega; o mestre , escritor e actor de Asados Xesús Santos Suárez, pola Traxectoria Cultural no Barbanza; e a entidade O Faiado, pola Iniciativa Cultural.

No 2008, foron recoñecidos o pintor de Noia Alfonso Costa Beiro, no eido da Cultura Galega; o mestre, escritor e ensaísta rianxeiro Manuel Dourado Ces, pola Traxectoria; e o Museo Etnográfico de Artes, pola Iniciativa Cultural.

Hai dous anos foi o rianxeiro e académico galego Xosé Luís Axeitos o que obtivo o sereo da Cultura Galega; mentres que o grupo de teatro Airiños de Asados foi recoñecido pola Iniciativa Cultural; e o músico de Boiro Xosé Ramón España veu recoñecida a Traxectoria Cultural.

No 2010 entregáronse os últimos sereos de bronce e tiveron a satisfacción de recollelos o teólogo de Aguiño Andrés Torres Queiruga, en Cultura Galega; o gaiteiro Pepe Romero, pola Traxectoria; e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza, pola Iniciativa Cultural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

«Casa da Gramática», Eva Veiga e Paola García gañan os Sereos