En todas as casas hai un cornecho onde se gardan as viandas para un momento de apuro. Uns teñen un arcón conxelador cheo de carne de oferta, aproveitando algunha promoción do matadoiro municipal e outros o excedente de pesca que o xubilado da familia non se resiste a deixar no mar, o que fai que no intre en que a ama de casa abre a despensa, non poida evitar esa satisfacción que se expresa cun «temos a casa chea». Unha frase de autocontento que Marica da Rica soe trocar por aquela que a fixo famosa «mi casa nunca pidió».
Teño un amigo que presumía sempre da fabulosa colección de viños que admirábamos a través dunha porta de cristal na súa adega, mentres gorentamos unhas cuncas de Barrantes de barril. El tamén dicía «teño un viñazo», que prometía darnos a catar con motivo dalgún acontecemento excepcional, pero nunca llo probábamos. E agora cóntanme que se está desfacendo de tan prezada colección de botellas da década dos setenta porque non serven nin para vinagre.
Neste afán por ter sempre unha reserva, o meu amigo Xulio leva un billete de vinte euros nun cornecho do seu coche para un apuro, e Moncho garda na billeteira, detrás da foto da súa esposa, un de dez euros para un café. Todos saben que eu levo unha tirita entre as tarxetas de crédito e que don Suso ten un caixón pechado con chave do que saca as extras que os seus empregados non poden cobrar coa nómina. Son as pequenas fortunas de cada quen segundo as súas necesidades. Pero Marica non pensa nesas cousas, pois mentres os demais temen ó futuro e se preocupan de aseguralo dalgún xeito, ela soe dicir: «o que teño ben se ve»; é desas mulleres que botan a casa pola fiestra á primeira oportunidade, e de quen un día se fixeron unhas coplas nas que lle cantaban: «ten unha casa tan grande/ que para ir de esquina a esquina,/ necesita un patinete/ con motor de gasolina».
Todos coñecemos a algunha Marica para quen a previsión é cousa dos xoiniñas con medo á vida, e cando entra na conversa o tema das pensións, dos plans de aforro e do futuro dos fillos, asegura ameazadoramente: «O que teño, para quen me coide».
Marica foi a primeira a quen lle escoitei dicir que a riqueza é como a enerxía, que non se crea nin se destrúe, senón que se transforma. E cando alguén lle dixo que quizabes, neste caso sería mellor dicir que cambia de mans, ela di que si, que da dereita para a esquerda pero sempre sen saír das súas. Porque Marica non é de pensamentos entrambilicados, ela non entra en se a fertilidade dos terreos subecuatorianos de Asia, África e América fixeron vivir de rendas ós potentados europeos, transformando o caucho, o café ou o té en papel moeda, desde o corazón das tebras onde agora non se planta nin unha ducia de patacas. Para ela a mellor maragota péscase cun billete verde e á misa de doce hai que ir para que se vexa quen é cada quen.
Falando de política é quen mellor sabe canto custou o traxe e a garabata de cada candidato, e se falamos de programas electorais ela teno moi claro: «nunca tanto choveu que non escampase». Nas pasadas eleccións municipais inclinouse por aquel que, ó seu parecer, mellor estilo tiña cando entraba pola porta do concello.