Formouse no eido téxtil, primeiro cursando un ciclo medio de técnica nesta materia e despois diplomándose en deseño de moda no Mestre Mateo de Santiago, e agora Rita Vicente (Boiro, 1983) decidiu aproveitar a oportunidade que o centro social boirense lle brinda aos novos creadores para dar a coñecer algunhas das súas primeiras obras. Escandallos é o título dunha colección que serve tamén para abrir unha nova liña de arte nas salas expositivas de Barbanza.
-¿Que son estes ?Escandallos??
-Son unha serie de traballos que tiven que realizar ao longo da miña carreira, por iso reciben este nome. Os escandallos, en moda, son pezas que se elaboran para calcular un orzamento.
-¿Con que vai atoparse o público que acuda ao centro social boirense?
-Cunha colección que amosa a evolución da miña formación, pois hai dous traballo do segundo curso, que foi de iniciación, e catro do último ano. Tamén hai unha peza de estilismo escénico. En xeral, son prendas de roupa deseñada para a pasarela, non para saír á rúa.
-De todas elas, ¿cal destacaría vostede?
-Estou entre unha denominada Perfume e outra feita con con denim e pel, que trata as deformacións do corpo humano. Logo teño unha peza inspirada en Boiro. Chámase AMC, como a asociación de mexilloeiros, pois non está elaborada con tecidos propiamente ditos, senón con feltro, palillos e redes mariñeiras.
-¿Como xurdiu a idea de montar este novidosa exposición?
-Teño varios amigos artistas que amosaron a súa obra no centro social e ocorréuseme que podía ser unha boa ocasión para dar a coñecer outra forma de expresión creativa. Tamén quero darme a coñecer, sobre todo de cara ao mercado laboral, pois son unha persoa con formación pero sen experiencia.
-¿Que a levou a formarse no eido da moda?
-Sempre que ía mercar roupa, volvía á case desgustada, pois non atopaba nada que me gustara. Foi así como decidín estudar algo relacionado coa moda. Primeiro probei con técnico en téxtil, gustoume e decidín seguir con deseño.
-¿Cal é o seu estilo?
-A cultura urbana. Creo que me inflúe o feito de que, ao longo de cinco anos practiquei remo e incluso estiven un tempo en alto rendemento deportivo. Sempre fun de vestir con chándal e sudadeira, considérome unha persoa que viste comodamente. Por poñer un exemplo, os zapatos de tacón non están no meu gardarroupa.
-¿Gustaríalle dedicarse profesionalmente ao eido do deseño de moda?
-Gustaríame traballar para unha empresa do sector, en calquera departamento, aínda que me decanto máis pola sección de patronaxe. Non me considero unha persoa fashion, desas que visten á última, polo que penso que non me vexo deseñando, pero gústame ese mundo.
-¿Pensa que é un sector con posibilidades agora mesmo?
-Agora mesmo ningún sector está a atravesar un bo momento, pero penso que a moda é un produto que se consume sempre e ao que, polo tanto, a crise lle inflúe en menor medida. A todo o mundo lle gusta saír de compras e ir arranxado. Iso si, recoñezo que para ir á procura de traballo, como é o meu caso, este non é o mellor momento.
-¿Para que tipo de empresa téxtil lle gustaría traballar?
-Nun principio, dáme o mesmo, o obxectivo é traballar neste eido, pero penso que encaixaría mellor nunha empresa dedicada á elaboración de roupa tipo urbano. Considero que a día de hoxe é un estilo que ten demanda, sobre todo entre a xente nova e a mocidade, colectivos aos que lles gusta andar ben vestidos, á moda, pero cómodos.