Amenaza anunciada y evitable

Adelo Freire

BARBANZA

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aprincipal fonte de ingresos e motor da economía da comarca é o marisqueo a pé e a flote nas autorizacións e concesións que esta entidade administra, no interior da ría de Muros-Noia. Nestes días máis de 1.600 persoas traballan cuns resultados máis que aceptables, mitigando os efectos desta crise tan salvaxe que se ceba especialmente co de sempre, o traballador.

O aumento da presión poboacional e industrial nos últimos anos e a falta dun adecuado saneamento e depuración das augas pluviais e fecais poñen en risco a riqueza dos bancos marisqueiros e, en consecuencia, o sustento de miles de familias, directa e indirectamente; nesta comarca o comercio é a principal fonte de recursos, polo que a falla de ingresos dos mariscadores lle afecta directamente.

A confraría de Noia ben solicitando que se poña a pleno funcionamento a depuradora municipal, xa que está a recibir apenas o 20% do total dos residuos xerados.

A Xunta ben de aprobar o proxecto de saneamento separativo, para que a totalidade das augas sexan tratadas na devandita depuradora; outras actuacións como a rede de saneamento e depuración en O Freixo non pode esperar máis; a ría enteira non pode esperar máis; a posibilidade de que os bancos marisqueiros sexan clasificados sanitariamente como zona C está presente, isto suporía unha catástrofe, anunciada e evitable, como está a suceder en lugares como Ferrol e Pontevedra onde está prohibida a extracción de moluscos.

As augas residuais que se verten na ría deben ser depuradas; necesítanse actuacións urxentes nos distintos concellos da comarca. Noia, Outes, Muros e Porto do Son deben facer un esforzo conxunto ca Xunta de Galicia para que estes garantan a calidade e depuración dos verquidos.

Unha nova ameaza xurde para o sector pesqueiro e marisqueiro, o cultivo intensivo de salmón na ría. A principal potencia mundial neste cultivo está a retirar estas instalacións do litoral, trasladándoo a plataformas off-shore a grande profundidade, e nunca coexistindo con bancos marisqueiros, feito totalmente prohibido en países como Escocia.

As nosas rías constitúen un ecosistema cunha grande diversidade e riqueza que debemos manter e coidar e non expoñer a perigos por intereses de grandes multinacionais. Outras iniciativas na acuicultura foron recibidas na ría con satisfacción, como a granxa de orella de mar en Tal (Muros) que crean postos de traballos e respectan o medio mariño. Non é este o caso.