Bandeiras de euforia

BARBANZA

Imaxínome ó meu amigo Alfonso, natural da Arzúa e funcionario do parque de bombeiros da Coruña, participando nalgún deses campionatos que a nivel estatal e internacional celebran os do seu gremio para ver quen está máis en forma. Imaxínoo correndo os cinco mil metros obstáculos con todo o equipo de extinción encima e chegando á meta en primeiro lugar, coas cámaras de televisión, públicas e privadas, enfocando a súa alegría e a algúns seareiros que desde as gradas o felicitan e lle ofrecen a bandeira local da Arzúa e a da Coruña para que celebre a volta ó estadio proclamando a quen representa ou a quen lle dedica o triunfo.

Por un lado todos entendemos que el cobra a súa nómina do concello coruñés e está alí representando ós bombeiros da súa cidade de adopción, pero tamén que el lle quere moito á súa terra natal e nese intre deben pasar pola súa mente todos os veciños, amigos e familiares cos que compartiu inquedanzas ó largo da súa vida. Daquela ¿cal escollería?.

Entendemos, asemade, que a televisión local da Arzúa, ante tal triunfo, lle dedique tres días de gloria, con entrevistas a el e a toda a veciñanza, flamexando as bandeiras no punto máis alto do mastro da casa do concello, e asemade os informativos locais coruñeses brindaranlle unhas palabras e ata unha entrevista para presumir do moi en forma que está o corpo de bombeiros. Quizabes aínda, a corporación municipal arzuá decida poñerlle o seu nome a unha rúa, pero a coruñesa bastante faría con expoñer nalgún local público o trofeo acadado con algún impersoal lema.

Agora a pregunta que nos debemos facer é se este amigo meu, despois de recibir tan gratos homenaxes, vai ser mellor ou peor funcionario ó servizo dos cidadáns, se vai atender antes á un arzuán que a un noiés que vivan no mesmo edificio en chamas ou operará coa perspectiva da eficacia, porque non me podo imaxinar ó amigo Alfonso pedíndolle a documentación ás persoas sinistradas para establecer as súas prioridades.

Este mesmo tipo de dúbidas éntranme cando vexo a un deportista que na euforia da celebración saca a bandeira do seu lugar de nacemento e escoito as críticas sen sentido que se lle fan a Puyol por amosar a catalana, como se pasa por alto que Villa saque a asturiana e como outros poden preguntarse se Casillas está avergoñado de ser madrileño por non sacar a da súa comunidade. É como se despois da victoria xa non existise o equipo. Do mesmo xeito, tampouco podo imaxinar que Iniesta non lle dea un pase de gol a Guti -ou ó revés- por militar ambos en equipos rivais. Ben sei que non sería a primeira vez que se interpreta en clave política a cor dos calcetíns dun porteiro da selección cando lle meteron un gol inesperado. Pero volvendo a Alfonso e deixándonos de politiqueo sen sentido a conta da euforia chauvinista, pregunteille que faría co das bandeiras se tal caso se dese, e el, para non se ver en tal dilema, dime que ó estadio vai con casco e mangueira polo que poida pasar.