«Téñolle moito cariño ao que escribín, son as miñas xoias»

O poeta acaba de publicar o seu primeiro libro, «Luces de soños», e pensa que o seguinte estará composto de fábulas


ribeira / la voz

Defínese como un «mariñeiro poeta», e non é para menos. Desenvolveu a primeira profesión durante 55 anos, aínda que dende pequeno sentía a chamada da literatura. A pesar de que só foi dous anos ao colexio, sempre lle gustou escribir e ler, e facíao con gran desempeño. Aprendeu dos máis grandes da nosa historia, lendo e fixándose para despois imitalos porque «me gusta facer as cousas ben». Escribe novelas, contos, teatro e poesías. No seu primeiro libro, Luces de soños, afirma que hai cousas escritas fai máis de corenta anos e outras máis recentes, dos últimos anos. O autor sinala que «é a vantaxe de telo todo feito, escolles o que máis che gusta».

-¿Cando comezou a escribir?

-Dende 8 anos, traballando no mar, comecei a escribir. Pero, daquela maneira, como se falaba aquí, metade galego metade castelán. Cando me aburría miña nai dicíame que lera, ela era bastante lectora, quizás foi quen me meteu a idea.

-¿Sobre que escribe?

-Escribo poemas, novelas, contos e teatro, de temas moi variados: mulleres vellas, amor, vida e morte. A morte é parte da vida. Falo dela sen medo, con tranquilidade. A morte e a vida son unha flor, cando chegas a froita madura xa non botas de menos a riqueza. A morte sempre está presente en min porque a morte é a última viaxe.

-¿Contra que loita nos seus escritos?

-Contra as inxustizas, sempre. As mentiras e a xente hipócrita non me gustan nada. Tamén escribo contra os políticos, aínda que particularmente non teño nada en contra deles, pero préstanse moi ben á ironía.

-¿Que pretende lograr coas súas obras?

-Gustaríame que sentisen algo similar ao que eu sentín cando o fixen, que me comprendan ben. Téñolle moito cariño a todo o que escribín, son as miñas xoias. Cando te encontras con alguén que che comenta que leu o teu libro e lle gustou, sentes unha gran satisfacción.

-O seu editor definiuno como un poeta autodidacta que alcanzou a técnica, ¿de quen aprendeu?

-Aprendín lendo sonetos de Lope de Vega e Quevedo, que parécenme inmellorables. De feito, durante unha época só escribía sonetos. Tamén as coplas de Jorge Manrique me influenciaron. As poesías de Francisco Anón resultábanme moi musicais. Marcou un pouco de todo. Eu lía todo o que atopaba porque daquela non se podían mercar libros. Naquela época era algo moi atípico, tanto que non tiña con quen falar destes temas.

-¿Cando pensou en publicar?

-Nunca o pensara porque sempre oíra que era moi complicado. Unha vez dixérame Taramancos que para publicar un libro tivera que ir varias veces a Barcelona. Aínda así, decidín intentalo e cando a cousa saíu ben á primeira sentín unha satisfacción enorme.

-¿Tardaron moito en darlle unha resposta da editorial?

-Non, eu mandeille o libro a Sial Ediciones porque tiña entendido que publicaran moitos libros en galego. Aos poucos días, Basilio Rodríguez, director da editorial, chamoume e reunímonos e xa me falaba da portada e eu aínda non sabía se me ían publicar ou non. Despois, puxéronme en contacto coa prologuista, Branca Vilela, e coñecémonos na súa casa en Fisterra e quedamos encantados.

-¿Quen elixiu a portada?

-Elixina eu. Basilio mandoume varias e eu escollín unha. A miña idea era poñer unha foto de Portosín enfocando a Louro e a Muros. A verdade é que non sei moi ben de donde é a que puxemos. Penso que é Formentera ou por aló, pero non sei.

-Comentou que tiña escrito moitos libros, ¿cal lle gustaría que fose o seguinte en publicarse?

-Teño un de fábulas que me gustaría que se publicase. Moitas desas obras son poemas acrónimos, teñen dous significados, un vertical e outro horizontal.

-¿Sempre o apoiaron na casa?

-O certo é que miña nai sempre me apoiou nesta actividade e meu pai cando vía que sabía recitar de memoria dicía: «Este é meu fillo». A miña muller e as miñas fillas están encantadas. Gústame que lle dean un repasiño.

Emilio garcía portosín escritor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«Téñolle moito cariño ao que escribín, son as miñas xoias»