Como o señor Strauss-Kahn só era o xerente dunha entidade bancaria, por moi humanitaria que ela sexa, non tiña inmunidade diplomática -probiño el-, e houbo de pagar avogados e fianzas para non ficar entre reixas mentres agarda xuízo; pero se en vez de tan alto cargo ostentase o de ministro de calquera cousa, o señor este a quen acusan de inmoral, hoxe xa estaría libre de pecado, sen penitencia nin propósito de emenda, e ninguén, agás a camareira que o acusa, se lembraría do que pasou.
Este servidor -inocente de min- pensaba que a inmunidade parlamentaria só servía para que non se interrompese o labor dos xerentes públicos por parte de opositores faltóns, acusóns e sen escrúpulos, pero alguén que entende máis ca min destes asuntos, explícame que a inmunidade é como unha vacina contra as malas linguas que só se lle aplica a quen está máis exposto a sufrir os virus da maledicencia; sen embargo, esta vacina non se lle pode aplicar ós personaxes locais, sendo eles tan propensos a contaxiarse co descrédito que lle outorgan os veciños. Claro que, igual que na bioloxía, mentres as vacinas non chegan para cubrir as gripes dun inverno entre a poboación civil, os xerentes públicos tenden a gozar da inmunidade adquirida, esa que de tanto sufrir o acoso dun virus fai que o organismo acabe por crear os anticorpos que o destrúen cun simple sorriso diante das cámaras dos periodistas, facendo esbarrar polo morro calquera descrédito como auga sobre aceite, e xa o poden atacar con todo o peso da lei que elección tras elección, en razón a esta inmunidade, o pobo que é quen manda, concédelles o perdón. ¡Que raro!. É certo que nada disto é novo, que xente inmune hóuboa sempre como hai dos que collen un virus ata na ducha.
Para Xulio, que é un iconoclasta retorcido, a inmunidade debe ser algo así como un perdón outorgado sen arrepentimento, coma unha confesión sen vicario que che benzoe, só tes que presentar unha papeleta asinada polo presidente da cámara dicindo que ocupas unha cadeira para ficar exento de exame de conciencia, de facer propósito de emenda e de cumprir a penitencia, un sorprendente beneficio que nos fai crer nunha sociedade dispensada de esixencias morais para uns mentres que, na outra banda, amósase o dedo acusador polo que, ata a carencia dun vaso de auga se considera castigo divino. E é que a inmunidade parlamentaria é como unha bula eclesiástica, nesta, se pagas podes comer carne ata no Venres Santo; naquela, se tes cadeira de deputado non é necesario pedir ningún suplicatorio para que a xustiza sexa xusta, e se a opinión pública e a presión do enésimo poder obriga a pedilo, sáibase que o suplicatorio concédeno os coleguiñas de hemiciclo, e os coleguiñas para algo son colegas. De tal maneira se semellan bulas e inmunidade que, se daquela, quen podía pagar a bula era quen tiña na despensa todo tipo de manxares, tamén agora a quen senta nun hemiciclo supónselle a honorabilidade sen ter que demostrala.