Sexamos serios, non hai profesión pública ou privada que teña un horario de 37,5 horas semanais, vacacións dende finais de xuño ata setembro e os descansos de todos coñecidos, como é o caso do sector educativo. Que protesten por unha insuficiente medida de traballar catro horas lectivas máis dentro da mesma banda laboral, non deixa de ser un sarcasmo. E que ademais, temos un fracaso escolar insoportable substantivado na deficiente comprensión lectora, cálculos matemáticos básicos, ciencias, descoñecemento de idiomas estranxeiros e, baseadamente, a análise e orientación das tendencias dos rapaces cara unha boa formación profesional ou estudios universitarios de calidade.
España precisa afondar a toda présa nun cambio radical do sistema educativo e formativo, pero iso non se acada soamente con máis autoridade nas aulas, a redución de alumnos por mestre, a escola pública e outras simplezas. O que precisamos é de centros axeitados á realidade con docentes mellor pagados, si, pero tamén mellor preparados e máis comprometidos coa tarefa de afrontar o reto que tiña Europa en 2000 para converterse en 2010 na economía máis competitiva e dinámica do mundo para poder medrar de xeito sostible e con máis cohesión social, obxectivo non acadado nunha boa parte dun espazo europeo decadente.
Segundo un estudo, Rusia, Brasil, China, India, Polonia, México, Arxentina, Turquía, Sudáfrica e Indonesia serán os dez países que terán o índice de crecemento económico máis alto nos vindeiros dez anos e poden ser no 2050 os dez países máis ricos do mundo, grazas aos seus esforzos formativos. Na década dos sesenta -e pouco máis- o horario escolar do ensino medio en España era de nove á unha e das tres ás sete de luns a venres, amais dos deberes que che poñía un profesorado disciplinante e nos centros privados. Agora temos unha xeración perdida e mal formada nun pésimo ensino público no que os ensinantes, agás excepcións, nin queren traballar.