Emprendedores

Francisco Ant. Vidal< / span>

BARBANZA

Hai uns días, criticaba o meu amigo Xulio a un coñecido que cada verán gaña unha verdadeira fortuna cos parasoles que fabrica, e cada inverno outro tanto cos seus paraugas ó por maior, porque sempre se está queixando do tempo. Axiña supuxemos que o home necesita consumo, e para iso faille falta que vente todos os días do ano.

Pero non era iso. A queixa do insatisfeito empresario vén porque a súa fábrica nunca pode estar a pleno rendemento, sempre ten que ter unha cadea parada, e entón Xulio propúxolle que abrise mercado no hemisferio sur, así sempre terá clientes de parasoles no inverno daquí e no verán de paraugas, pero o bo do empresario di que ese é moito risco, que antes de gastar cartos en abrir mercado pecharía esta fábrica e abriría outra por aló, onde a man de obra é máis barata. ¡Que falta de patriotismo!, pensou o meu amigo.

Hai uns meses, este empresario decidiu xubilarse e deixar o negocio nas mans dun xenro experto en pasear con moto acuática por praias con chiringuito; e nunha homenaxe que lle renderon, un político local brindou polo vello chamándolle «emprendedor», e entón Xulio comprendeu que en certas bocas as palabras son moi doadas de pronunciar sen contar co seu significado, pois aquel político non se decataba de que con tal epíteto deixaba fóra do gremio dos emprendedores a todos aqueles que, aínda que non lles fose mal nos camiños da vida, non acadaran os beneficios do homenaxeado. Podían darlle outro nome, como empresario, que lle acaería mellor, pero non, escolleu esa palabra que define, segundo o douto dicionario a aqueles que emprenden con resolución accións dificultosas ou azarosas. E dáse a casualidade de que un veciño seu presente no acto, a quen a realidade da vida lle fixo enfrontarse a problemas verdadeiramente dificultosos, sentiuse indignado, pois el ficou na veciñanza como un simple traballador, un epíteto que non ten en conta as «dificultosas e azarosas accións» que houbo de lidar, as verdadeiras empresas vitais que houbo de resolver, porque nas persoas de a pé, levar unha vida de asalariado sen reproche tense por algo normal e carente de todo mérito.

Hai uns meses, en plenas negociacións laborais que aínda traen cola rabuda e espiñenta, o directivo dunha asociación empresarial usou «emprendedores» para os do seu gremio, deixando ós currantes en simples asalariados ou subsidiados, que aínda é peor. E por ese xogo de palabras que trocan de significado segundo a boca que as pronuncia, a ninguén se lle escapa que o que para uns é un emprendedor para outros pode ser un explotador, e o que para estes é un asalariado, para aqueles é un dependente ou un explotado.

E así, con palabras mal definidas, ou con definición nesgada, non pode ser doado chegar a ningún acordo, porque, como sabemos, ninguén se ten a menos, e se o empresario é un emprendedor, non o é menos quen, vestido cunha funda azul, pasa os días enchoufado de graxa para que os motores non paren.