Non me imaxino a un soldado armado ata os dentes que diante do inimigo se declare pacifista. Se non o acribilla o contrario acribíllano os seus compañeiros. Igualmente sería raro que un militar de carreira, de súpeto contrario ó uso das armas ou do uniforme, amparado na súa ideoloxía, se negase a cumprir coa disciplina que a milicia lle impón. Tamén pode ser que a súa declaración como pacifista sexa consecuencia da propia evolución ética, e daquela, se a toma de tal decisión se lle ocorre en pleno fragor da batalla, non lle quedará máis remedio que adiala ou cargar coa acusación de desertor e covarde fronte a un pelotón de fusilamento. Como di Xulio, cando entran no exército xa saben a que van.
Supoño que a estes obxectores non se lles ocorrerá seguir cobrando a nómina tras obxectar, como non me imaxino a ningún obreiro negándose a cumprir co seu traballo, sexa subir a unha estada ou cravarlle o bicheiro a un atún, polas razóns que se queiran, e esixir despois a paga. O despido sería fulminante. E como eles, calquera profesional, oficial ou peón que de súpeto se ve obrigado a un labor co que non está de acordo, sabe que só lle queda achantar co que lle boten ou renunciar ó emprego deixándolle o posto a outro que o defenda.
Tamén é certo que, como nunha entrevista de traballo o entrevistado poña a súa ideoloxía por diante da función para a que se presenta, xa pode contar co paro indefinido por moito que se ampare niso de que todos temos dereito a defender as nosas ideas. Pero se un médico con fortes crenzas baseadas nalgún tipo de relixión, desas que ditaminan que a enfermidade é un mandado divino, lle nega ó paciente a terapia que a súa fe condena, desde a máis elemental transfusión de sangue ó máis sofisticado transplante, ¿debe o doutor seguir exercendo?.
Cláusula
Dinos Xulio que nalgúns traballos habería que poñer unha cláusula que regulase a obxección sobrevida, pois non deixan de ser simpáticos aqueles que sabendo o que o seu oficio demanda, opositan ó choio, e unha vez con nómina e categoría, maniféstanse contrarios ás obrigas que por lei lles corresponden, como se o seu criterio fose máis importante có dos pacientes, por razóns de fe ou ganas de dar a lata.
É de supoñer que un médico en tal tesitura incumpre as obrigas para as que foi contratado e é perxuro do xuramento hipocrático, por oporse ó primeiro e máis elemental postulado do seu deber: loitar contra o mal, a enfermidade e o sufrimento. E daquela o lóxico sería que lle deixase o sitio a outro menos escrupuloso ou que o despedise quen o contratou.
Pero como di Xulio, faltando esa cláusula reguladora, aínda non sabe do primeiro doutor que, oposto a practicar un aborto, regulado pola lei, poña o seu cargo a disposición do pagador. Que a Seguridade Social terá todos os defectos que se queira, pero ningún galeno rescinde o seu contracto por moito que as normas contraríen as súas crenzas.