Carpinteiro de profesión, Pedro Vidal é un dos creadores que se sumou á última edición da Festa da Chuvia, que nesta ocasión mesturou música e arte. Desde o pasado fin de semana, exhibe unha das súas obras no Capitán Morgan. Trátase dun mural feito sobre madeira. O máis impresionante deste traballo é que o laborioso gravado que pode verse sobre a táboa está pintado cun sinxelo bolígrafo.
-¿Que irrompeu primeiro na súa vida, a carpintería ou a arte?
-Primeiro foi a arte, tanto a escultura como a pintura. Logo tirei para a rama da carpintería porque vin que no eido da creación non había moito traballo e tiña que gañarme a vida.
-¿Como foi o seu primeiro contacto co eido artístico?
-Empecei de pequeno, na casa, e logo xa fun a clases. Desde entón, sempre formou parte da miña vida, aínda que teño tempadas produtivas e outras non tanto.
-¿Deixouna nun segundo plano porque non era doado vivir da arte?
-Vivir da arte é complicado, tes que empezar por dedicarte a iso en exclusiva. Non me custou desprazala a un segundo plano porque a min gustábame a carpintería.
-¿Como describiría o mural que exhibe no Capitán Morgan?
-Son tres pezas de madeira unidas, de 2,40 por 2,40. É un taboleiro cun debuxo pintado a bolígrafo. Está inspirado no castelo da Pena, de Sintra. Estiven alí, tiña fotos e gustoume a idea, pois encaixa no meu estilo, que é un pouco gótico. O escuro e o sinistro son os meus temas preferidos.
-¿Fai sempre este tipo de debuxos sobre madeira?
-Non, pero ao traballar no taller fun vendo as posibilidades que había e pensei en cambiar o lenzo por madeira, foi máis que nada un experimento.
-¿Amosara con anterioridade a súa obra?
-O certo é que non expoño nunca, o que ocorre é que, nesta ocasión, Suso Bello animoume a sumarme á Festa da Chuvia. Pinto cando podo, cando me ven a inspiración, polo que non me resulta doado ter unha serie de cadros para unha data concreta. Podo pasar cinco meses sen facer nada ou incluso empezar cunha talla, deixala a medias e rematar pintando algo. Recoñezo que non son constante, polo que non me podo permitir expoñer. Tampouco é algo que me chame demasiado.
-¿Que lle parece esta idea de mesturar a música da Festa da Chuvia con exposicións en distintos establecementos?
-A idea paréceme estupenda. Que haxa movemento cultural en Ribeira sempre é positivo, sexa quen sexa o promotor da iniciativa.