O mestre canteiro encargoulle ó rapaz que cada tarde, despois do traballo, levase picos e ciceis ó ferreiro a preparalos para o día seguinte, e logo, cada mañá, antes de volver había de pasar a recollelos, para que mestres e oficiais tivesen os instrumentos arranxados. O resto do día, o Xoseíño andaba de recado en recado, carrexando auga ou movendo pedras e picando onde non houbese necesidade dunha man experta.
Pero o mestre notou que o rapaz, todas as mañás chegaba correndo e con apuro, e despois de que os obreiros estivesen listos para encetar o día, e recibíano como se recibe a un cativo nestes casos, con bromas de se se lle pegaran as sabas, de que había que espabilar, e que non merecía o pan que comía. Pero alguén notou que, asemade, os ciceis viñan con marcas de seren usados, polo que, antes de abroncalo, o mestre foi falar co ferreiro, quen lle asegurou que o rapaz era tan puntual, que en máis dunha ocasión teno levantado da cama, e entón decidiu asexalo, para ver por que chegaba tarde e cos ciceis gafados, e así soubo que antes de ir á obra, metíase nun acocho onde se afanaba en darlle forma a unha escultura que representaba unha porca coas crías mamando.
Desde aquela xa se dicía que o cativo non ía para canteiro normal, e efectivamente, antes dos vinte xa tiña contratos propios, pero era tal o seu gusto pola cantería, que cando á noite volvía do traballo, despois de levantar un muro ou unha cheminea, aínda se encerraba na casa a picar coma quen esculpe a cera, xa fose para facer un peto de ánimas ou un panteón familiar. E certo día, antes de cumprir os trinta, ensinoulle ós veciños un cruceiro representando un desencravo, feito nun só bloque de pedra para o adro de santo André de Hío.
Ó mestre Cerviño, a quen os paisanos chamaban Pepe da Pena, nunca lle faltou traballo, e sempre, en todas as obras, procuraba poñer, como sinatura ou símbolo identificativo do seu arte, un bonete de catro puntas, xa fose na cabeza dun eclesiástico condenado ó purgatorio dalgún peto de ánimas, ou formando parte dos elementos que adornaban calquera obra, desde a xamba dunha casa ata o lintel dun panteón; e cóntanme na comarca do Deza que en certa ocasión, Pepe da Pena chegou a unha parroquia para executar un contrato, coa chaqueta dobrada baixo o brazo e os ciceis aliñados no peto do chaleco, como un notario pon as estilográficas, e cando lle preguntaron que quería, el dixo que viña para esculpir un cruceiro.
Cerviño debe ser o escultor con obra fóra de museo máis apreciado polos turistas que nos visitan, e sen embargo, como sempre se chamou canteiro, non figura nas enciclopedias de arte, onde seguramente si o estaría se aquela porca cos seus porquiños, que fixera cando era neno, a fundira en bronce.