Méndez Ferrín reivindicou en Boiro as raíces históricas do topónimo Barbanza

raquel iglesias RIBEIRA/ LA VOZ

BARBANZA

O escritor e presidente da Real Academia Galega ofreceu unha conferencia xunto a Juan José Moralejo

27 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Como un home de profunda humanidade e sentimento. Así foi presentado onte na casa de cultura de Boiro o escritor e actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que ofreceu ante ducias de persoas unha conferencia organizada pola asociación Barbantia e centrada no significado dos topónimos galegos. No encontro, o autor de obras de referencia como Con pólvora e magnolias destacou a Barbanza polas súas raíces históricas e pola expansión que viviu o nome que presenta a comarca nos últimos tempos máis aló das súas fronteiras.

Acompañou a Ferrín nesta charla o experto en toponimia Juan José Moralejo, fillo dun dos mestres do presidente da Real Academia Galega na súa xuventude e ante o que amosou gran admiración. O escritor incluso asegurou sentirse asustado pola súa presenza ao revivir na mesa dende onde presidía a conferencia a mesma inquedanza que cando se sentaba no pupitre para atender a clase do seu pai, Abelardo Moralejo.

Galicia e Galiza

Despois de facer referencia ao topónimo de Barbanza, Méndez Ferrín centrouse no de Galicia, repasando desde tempos remotos os diferentes termos empregados para referirse a esta comunidade autónoma. Ata o século XV antes de Cristo viaxou o escritor, destacando a persoeiros como o emperador de Roma Diocleciano.

Entre outras afirmacións, o autor deixou claro que este nome que nos veu dado desde fóra para facer referencia a este territorio do noroeste da Península era igual de galego que Galiza, ao ser os dous semicultismos de diferente intensidade. Destacou tamén que esta última era a forma empregada por autores como Castelao para titular algunha das súas obras e a recuperada no século XX polo movemento nacionalista.

Que na Divina Comedia Dante utilizou o nome Gallizia para referise a este territorio ou as formas que adoptou o nome de Galicia en diversas novelas francesas foron datos curiosos que acabaron de enganchar na conferencia aos asistentes.

A homenaxe de Barbantia

O coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro, foi o encargado de presentar a conferencia de Méndez Ferrín. Asegurou que era todo un pracer contar coa súa presenza, sinalando que a charla de onte en Boiro era un encontro entre humanistas . No acto tamén estivo presente Xosé Luís Axeitos, veciño de Rianxo e secretario da Real Academia Galega, que afirmou que Barbantia era o mellor invento dos últimos tempos para xuntar as ideas dispersas dos intelectuais da zona.

Que o discurso é o mellor amigo da liberdade quedou claro onte en Boiro coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín. O escritor recibiu un agasallo das mans de Alberto Piñeiro como recordo da súa visita.